O galego Gonzalo Iglesias, recoñecido internacionalmente polo seu traballo en torno á tradución automática

luns, 25 de abril do 2011 Redacción

O galego Gonzalo Iglesias Iglesias, doutor da Universidade de Vigo (en concreto do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, na Enxeñaría de Telecomunicacións) e actualmente investigador asociado na Universidade de Cambridge (Inglaterra), vén de gañar o premio á Mellor Tese Doutoral en Tradución automática de 2010, concedida pola European Association of Machine Translation, EAMT (en galego a Asociación Europea de Tradución Estatística).
Iglesias, que presentará a súa tese os vindeiros días 30 e 31 de Maio en Lovaina (Bélxica), describe no proxecto un novo tipo de tradución estatística baseado en gramáticas pseudo-sintácticas (estimadas automaticamente a partir de grandes cantidades de texto), e autómatas probabilísticos cos que se pode describir de forma moi compacta e sen perdas tódalas traducións definidas por dita gramática. A consecución deste traballo foi posible grazas a unha estreita colaboración co grupo de tradución automática da Universidade de Cambridge, levada a cabo dende o 2008.
De feito, o tradutor é o núcleo do sistema de tradución de Cambridge que gañara o NIST MT 2009 de Árabe a Inglés, e que tamén acadara bos resultados entre francés-inglés e castelán-inglés na WMT2010.
Iglesias traballa actualmente no Departamento de Enxeñaría de Cambridge (Inglaterra), como investigador asociado no marco do Proxecto FAUST, no que se están a desenvolver sistemas de tradución automática baseados en grandes cantidades de datos que respondan en tempo real á realimentación do usuario sobre a cualidade das traducións, característica da que polo de agora carecen os sistemas actuais dispoñibles en Internet.

PUBLICIDADE