O número de usuarios do portal turístico autonómico medrou nun 23,6%

luns, 27 de xullo do 2015 Redacción

O Goberno galego fixo reconto do acadado a través do seu portal de información turística, que foi quen de acadar 1.658.508 usuarios no que vai de ano, fronte a 1.344.481 do mesmo período do ano anterior, o que achega un incremento dun 23,6% na cifra de visitantes do servizo. Este, engádese, rexistrou unha suba no número de páxinas visitas polos usuarios: 4.366.547 páxinas vistas fronte ás 4.039.630 do ano anterior. Polo que respecta aos países que máis visitan o portal turístico de Galicia, logo de España, sitúase Francia, os Estados Unidos, Portugal, Alemaña. Arxentina, Reino Unido, Suíza, Italia e México.
No informe tamén se constatou un medre nas consultas feitas a través de dispositivos móbiles: foron empregados no 33,32% dos accesos en 2015, fronte ao 33,34% de 2014; mentres que o acceso dende tableta supuxo en 2015 o 10,97% dos accesos fronte ao 10,52 % do ano pasado.
Canto ás fontes de tráfico cara ao portal, estas son o buscador Google, que representou neste período de 2015 un 73,14% das visitas fronte ao 78,12% de 2014; e o tráfico directo á web, que representou o 16,30% en 2015, fronte ao 13,71%, de 2014. O resto de buscadores e as referencias recibidas das redes sociais completan o mapa de fontes de tráfico á web.

PUBLICIDADE