O satélite fotográfico GeoEye-1 comezou a operar esta semana

xoves, 9 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A Universidade de Kutztown vista dende unha altura de 680 quilómetros, cunha resolución máis propia dunha fotografía aérea que de satélite

O pasado día 7 o satélite GeoEye-1 tomou a súa primeira imaxe mentres se desprazaba a 7,2 quilómetros por segundo a 680 quilómetros sobre a Universidade de Kutztown en Pennsylvania, no que será unha das moitas fotografías que capture este satélite comercial, o primeiro patrocinado por Google e a Axencia de Intelixencia Xeoespacial Nacional (NGA) , e o vicepresidente de GeoEye, a empresa que xestiona o satélite, asegura que o mesmo é «o contrario dun satélite espía», posto que venderá imaxes a clientes de todo o mundo que precisen mapear, medir ou monitorizar cousas sobre a superficie do planeta cunha resolución máxima de 43 centímetros (das que Google só poderá obter imaxes cunha resolución de 50 centímetros por restricións gobernamentais).
Ao entrar Google no proxecto consegue ser o único servizo de mapas na Internet que poidan empregar as imaxes deste satélite ao que sucederá en 2011 ou 2012 o GeoEye-2, que terá unha resolución de 25 centímetros (aínda que Google continuaría a recibir unha versión reducida das imaxes captadas).

PUBLICIDADE