O servizo Chave 365 botará a andar a semana que vén

martes, 25 de agosto do 2015 Redacción

Para facilitar a accesibilidade aos servizos en liña e simplificar a xestión telemática coa Administración botará a andar a primeira semana se setembro o servizo Chave 365, que facilita o uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica, para o que o usuario só terá que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou ben no Rexistro Xeral da Xunta. O Chave 365 irase implantando progresivamente no resto das oficinas de Rexistro.
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
A iniciativa Chave 365, desenvolvida dentro do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, xurde ante a dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos. Este servizo dota aos cidadáns e as empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.
A incorporación de Chave 365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán.
Cómpre destacar que a tramitación en liña supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.

PUBLICIDADE