O tradutor Gaio estrea aplicación para dispositivos móbiles

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A AMTEGA e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de publicar a aplicación móbil do sistema de tradución Gaio, que podemos descargar de balde de Google Play ou da App Store, para poder gozar así das súas funcionalidades en smartphones. Gaio é un servizo de tradución interna da Administración autonómica, que a Xunta puxo a disposición da cidadanía en setembro de 2015, rexistrando neste tempo 3,2 millóns de consultas (o que supuxo a tradución de preto de 190 millóns de palabras).
A aplicación móbil Gaio, que conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán, podendo o usuario gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas predeterminados e configurar se aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.
A nova aplicación móbil beneficiarase ademais de todas as melloras que se vaian incorporando aos dicionarios da aplicación web, que leva máis de dous anos en funcionamento a nivel interna na Xunta de Galicia, e dez meses dispoñible para toda a cidadanía.
O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc.

A aplicación móbil do tradutor Gaio está dispoñible para Android e iOS

PUBLICIDADE