Os gañadores dos Premios INCUVI-Emprende por Pontevedra incorpóranse á sede local de AJE

xoves, 26 de marzo do 2015 Redacción

Tamén houbo gañadores da cuarta edición dos Premios INCUVI-Emprende (Universidade de Vigo) polo Campus de Pontevedra, trátase de catro empresas co nexo común da innovación que veñen de comezar xa, oficialmente, a súa andaina nos espazos de emprendemento da sede de AJE (Asociación de Empresarios Novos). Estamos a falar, máis polo miúdo, de dúas iniciativas gañadoras e outros dous proxectos distinguidos cun accésit. As catro propostas disporán dun espazo no que desenvolverse ao longo dun ano. A súa chegada a AJE materializouse coa entrega das chaves de dous dos despachos do espazo para emprendedores da sede da asociación e máis da sala de coworking que ocuparán os seleccionados cun accésit. Falamos dos seguintes proxectos: Beltaine, Atec Creative Solutions, E-Natura e Cervexa Artesá.
Sobre a conserveira Beltaine, sinalar que vén da man de Xosé Rial, Pilar Varela, Alfonso Villanueva e Pablo Argibay. A súa intención é “darlle unha volta ao concepto da conserva e convertela nunha experiencia”. Intentar levar a alta cociña a este tipo de produtos é o obxectivo central dunha iniciativa que agardan “poder sacar adiante” na súa estadía nesta incubadora, dado que “na nosa área os contactos que se podan xerar grazas a iniciativas como esta son indispensábeis”.
No que se refire a Atec, informar que vén da man dunha estudante de doutoramento da Facultade de Belas Artes, Tania Pérez, e que trata de propor un “binomio entre imaxe e tecnoloxía”, no que a creatividade e a innovación vaian da man. A iniciativa, nas súas palabras, diríxese a “apoiarse mutuamente nestas dúas disciplinas” tanto para ofrecer unha serie de servizos a particulares e PEME, “como para desenvolver as nosas propias aplicacións”. A emprendedora tamén adiantou que arestora está a traballar nun panel de xestión para inmobiliarias.
Amais dos proxectos devanditos, no espazo de coworking de AJE asentaranse E-Natura, unha empresa que ten como piares as enerxías renovábeis e a enxeñaría forestal, e Cervexa Artesá, un proxecto no que un grupo de titulados dos Campus de Vigo e Ourense estudarán as posibilidades de poñer en marcha “un centro de produción e investigación” sobre esta bebida.

PUBLICIDADE