PuntoGal e Women4Cyber Spain traballarán na perspectiva de xénero no ámbito da ciberseguridade

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

A asociación do dominio galego PuntoGal asinou un convenio de colaboración co Spanish Chapter de Women4Cyber, organización de ámbito europeo que busca aumentar a inclusión e a perspectiva de xénero nos traballos relacionados coa seguridade cibernética. Segundo informaron, o convenio servirá de marco para a realización de actividades conxuntas neste ámbito.
Actividades como por exemplo a localización en galego de ferramentas sobre ciberseguridade, a extensión dos programas de Women4Cyber en Galicia, nomeadamente os de mentoring, e a colaboración con outras iniciativas nas que está traballando PuntoGal, como as inseridas no ámbito do nodo CIBER.gal.
Segundo lembra Puntogal, W4C Spain constitúe un espazo de colaboración onde as mulleres na ciberseguridade do mundo académico, da investigación e da industria poden compartir coñecementos, experiencias e rede de contactos, así como motivar a outras mulleres a considerar a ciberseguridade como unha profesión na que desenvolverse e crecer. “En PuntoGal, con este convenio, seguimos apostando pola ciberseguridade como un dos seus programas corporativos máis salientábeis, así como na visión de xénero no ámbito das TIC”, sinalan dende a asociación.
Sobre a sinatura deste acordo, a presidenta e fundadora de Women4Cyber Spain, Eduvigis Ortiz, explicou que "alegrámonos enormemente de contar co compromiso e participación de PuntoGal como entidade colaboradora da nosa comunidade para apoiar a misión de impulsar e visibilizar o talento feminino co obxectivo de acadar un mundo máis equitativo, diverso e seguro. En W4C Spain, queremos ser promotoras dun cambio social e cultural que implique unha maior participación da muller no ámbito da tecnoloxía en xeral e da ciberseguridade en particular. Para acadar este obxectivo traballamos en diferentes proxectos e iniciativas que, de man de PuntoGal, terán un impacto máis directo para apoiar e desenvolver o talento feminino galego dunha forma moito máis próxima".
Pola súa banda, Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, comentou que "dentro das accións que está a levar a cabo o dominio para converterse nun referente dentro do ámbito da ciberseguridade, non podemos obviar a distancia que aínda nos falta por percorrer na igualdade de xénero neste ámbito concreto, pero tamén en todo o sector das TIC". Este convenio, engadiu, "permitiranos organizar ou colaborar con iniciativas que poñan de manifesto o talento feminino que hai en Galicia, visibilizándoo como referencia para as novas xeracións que se están a formar en disciplinas científicas e técnicas. Neste sentido, a colaboración con W4C Spain será unha achega moi valiosa".

PUBLICIDADE