Puntogal, a ICANN, o COETG e a UVigo reivindican a importancia do acceso universal á información

venres, 12 de abril do 2024 S. P.


Este xoves 11 de abril celebrouse na nosa terra (dende a EE de Telecomunicación da UVigo) unha xornada informativa e de concienciación sobre a UA (Universal Acceptance ou Aceptación Universal), dentro do programa mundial da ICANN (Corporación de Internet para a Asignación de Nomes e Números) para ampliar as facilidades de acceso á Rede a toda a poboación, sen distinción de lingua ou sistema de escritura. Contouse coa presenza de Andrea Becalli, de ICANN e Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Telecomunicación, entre outros relatores. O UA Day celébrase con máis de 50 actos en todo o mundo.
No evento participaron Rebeca Pilar Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo; Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal; Edita de Lorenzo, profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo; e Javier Fernández Fraga, do Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación de Galicia, e Andrea Becalli, de ICANN, o organismo que promove o UA Day en todo o mundo.
Na súa intervención, Rebeca Díaz comentou a importancia da Aceptación Universal na formación dos estudantes e a internacionallización da UVigo, que fai que cada vez teñan máis peso os sistemas de escritura árabes e balcánicos. A continuación interviu Darío Janeiro, que puxo o foco na importancia da aceptación universal para a acoller a todos os pobos e a todas as culturas, para rematar agradecendo a Andrea Beccalli a súa asistencia ás xornadas como representante de ICANN. Beccalli fixo un percorrido pola historia da rede desde os anos 70 e ata a creación do sistema de dominios e o nacemento de ICANN como entidade que toma decisións de forma independente, baseadas no consenso.

Edita de Lorenzo, pola súa banda, reflexionou sobre o compoñente persoal e identitario dos enderezos de correo e dos nomes de dominio, e sobre “a evolución da que estamos a ser testemuñas desde unha Rede moi técnica a unha máis humana, en contacto co compoñente cultural e social das civilizacións”. Engadiu que “se as telecomunicacións teñen sentido é por e para a interacción entre persoas, polo que é esencial promover o respecto á diversidade de opinións, culturas e identidades”.
Pola súa banda, Javier Fernández Fraga, da Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG), fixo un percorrido máis técnico sobre as implicacións nos cambios de código de escritura tomando como exemplo un dos sistemas máis básicos, o que regula, encamiña e administra as mensaxes de correo electrónico. Afirmou que “Internet ofrece unha oportunidade única para unir a xente de diferentes partes do mundo e compartir ideas e experiencias, pero para facelo construtivo e enriquecedor é fundamental promover unha interoperatividade de sistemas que fomente un entorno en liña inclusivo. A través da aceptación universal, creamos unha comunidade onde todas as voces son valoradas en igualdade. A nós, como enxeñeiros, correspóndenos facilitalo”.
Segundo o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, a celebración deste evento “é un paso máis no compromiso do dominio galego cunha Rede aberta a todas as culturas e linguas e co posicionamento do dominio como un actor de referencia no ámbito TIC en Galicia”. Xunto con outras iniciativas, como as colaboracións coa GlobalCyberAlliance, as WomenforCyber ou o nodo de ciberseguridade galego CIBER.gal, o dominio galego exerce, dixo, “un papel relevante como parte da infraestrutura da Rede, sen esquecer o apoio a proxectos no ámbito do seu programa corporativo”.
Segundo sinalaron, a Aceptación Universal é “un concepto que se refire á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña de recoñecer e tratar adecuadamente calquera tipo de información ou contido, con independencia da súa orixe, formato ou idioma”. En termos prácticos, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e postas en práctica de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. “A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital”, sinalaron os relatores.

PUBLICIDADE