Sae á venda Pillars of Eternity o herdeiro espiritual de Baldur’s Gate

xoves, 26 de marzo do 2015 Marcus Fernández

No outono de 2012 Obsidian Entertainment destacaba por conseguir máis de 4,1 millóns de dólares a través do micromecenado para financiar o seu Project Eternity, un videoxogo para PC, Mac e Linux que pertencería ao xénero do rol con vista isométrica e que como principal reclamo tería o estar considerado como o sucesor espiritual do clásico Baldur’s Gate, estando previsto o seu lanzamento para 2014, pero non foi até hoxe cando o proxecto ve a luz mudando de título, de xeito que xa podemos mercar Pillars of Eternity en Steam e en GOG a un prezo de 41,99 euros na súa versión ordinaria (Hero Edition), estando tamén dispoñibles edicións máis completas que engaden ao xogo numerosos contidos adicionais en formato dixital como a banda sonora, libros, mapas, fondos de pantalla...
Pillars of Eternity e por fin unha realidade palpable, que nos traslada a un mundo encantado para explorar, e no que derrotar a numerosos monstros baixo unha mecánica de RPG clásico. Podemos encarnar a 6 razas diferentes, utilizaremos 5 habilidades principais para superar as distintas situacións, poderemos personalizar profundamente aos personaxes e incluso poderemos esculpir a nosa propia historia cun sistema de reputación que fará que as decisións adoptadas teñan consecuencias.


Trailer de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE