Samsung prepara unha aplicación de contidos exclusiva para os seus dispositivos

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Parece que Samsung non quere deixar pasar o próximo lanzamento de Apple News (anunciado en xuño) e anuncian hoxe un acordo co editor Axel Springer para Europa, o que permitirá colaborar na entrega de contidos dixitais aos usuarios de Samsung a través da aplicación UPDAY, que botará a andar esta semana en probas para Alemaña e Polonia, para chegar máis adiante a outros mercados europeos (previsiblemente a primeiros de 2016) para ofrecer aos usuarios unha selección de contidos elixido por un equipo editorial como se fose un xornal tradicional, xunto cun sistema de selección de novas baseado nun algoritmo que se axusta aos intereses individuais do usuario.
Deste xeito Samsung quere que os seus clientes poidan gozar de publicacións a medida que os animen ao consumo de contidos dende os seus smartphones e tabletas. De feito, dende Axel Springer ven este acordo como unha alianza estratéxica que esperan que sirva para “achegar novos servizos creativos ao mercado en 2016 e máis aló”, segundo comentou o director xeral da editorial, Mathias Döpfner, tras asinar o acordo de colaboración con JK Shin, director xeral da división TIC e móbil de Samsung.
Con este tipo de anuncios temos a impresión de que tanto Apple como Samsung non parecen estar conformes con aplicacións como Flipboard, que parecen estar a facer moi bo traballo achegando contidos aos usuarios, e supondo unha alternativa moi atractiva aos medios tradicionais, polo que queren entrar no negocio antes de que a súa adopción sexa masiva.

PUBLICIDADE