Sermos Galiza presenta en Compostela o seu proxecto para pór en marcha un xornal dixital en galego

martes, 11 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación de Sermos Galiza celebrada en xullo no Festigal, en Santiago

Sermos Galiza, a iniciativa para crear medios de comunicación propios en galego, incluído unha web informativa que paseniño vai collendo corpo e que compense a progresiva perda de exemplos xornalísticos na nosa lingua, vén de presentarse en Santiago por segunda vez, dun xeito máis completo, estendido e específico. Cómpre lembrar que a primeira cita foi no Festigal de Santiago e a algúns dos que estivemos por alí xa nos quedaron ben claros os obxectivos. Porén, agora toca falar de traballo e de ir materializando o proxecto. Este segundo encontro celebrouse no Auditorio da sede de Caixanova de Santiago, na praza de Cervantes, onde se reuniu un importante grupo de xente (público en xeral, representantes da cultura e da comunicación) para coñecer polo miúdo os detalles da iniciativa, que, como dixemos, contempla a creación dunha revista en papel e máis dun diario dixital.
A cita, detallada dende a páxina web de Galicia Hoxe, serviulle aos representantes de Sermos Galiza para recadar apoios de todo tipo, tanto dende o punto de vista económico (adquisicións de accións de cara a un capital social viábel para o mantemento do proxecto) como divulgador.
No acto interviñeron Teresa Moure, escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Néstor Rego, da Asociación O Galo; Rubén Lois, profesor da USC; Manuel Vilar, investigador na Historia da Arte e o Patrimonio; e Olalla Rodil, estudante. Teresa Moure abriu as intervencións apelando á necesidade que temos, como pobo con lingua propia, de contar cun saudábel panorama comunicativo e informativo en galego, cousa que neste intre e por desgraza non se dá. Moure animou aos presentes a traballar ombro con ombro para acadar medios de comunicación críticos, independentes, de esquerdas e en galego. Arrancou facendo un repaso por esta perda de diversidade ideolóxica e cultural da nosa prensa, tralo peche de varios medios de comunicación galegos, "agás honrosas excepcións (Novas da Galiza), e outras menos honrosas (La Voz de Galicia e as demais cabeceiras tradicionais)" . Tanto Moure como Néstor Rego fixeron fincapé nos diversos xeitos de colaborar con Sermos Galiza, proposta para a que se precisan uns 300.000 euros, divididos en 1.000 accións de 100 euros, e formar entre todos e todas “unha xunta de accionistas anónima, plural e diversa, na que ninguén poida quedar con máis do 10% do capital, e evitar así o seu control”.

PUBLICIDADE