Smart GalApps lanza a versión Android da súa innovadora aplicación de información climática

xoves, 18 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

Logo do lanzamento para iOS, agora é a quenda para Smart Weather en versión Android. Así nolo contan os responsábeis da criatura, os membros da firma galega Smart GalApps, factoría da que xa saíu un bo feixe de interesantes ferramentas tecnolóxicas relacionadas coa nosa cultura -Conxugalego, Imos?, TradutorGalego- e, agora con Smart Weather, coas condicións climáticas que acompañan á nosa cultura e tamén ás da nosa contorna e máis alá. A versión Android de Smart Weather, do mesmo xeito que a iOS, diríxese a marcar as diferenzas con respecto a outras ferramentas e recursos semellantes de información do tempo. Segundo nos lembran, estamos ante un recurso que deixa marxe ao usuario para que cree un prognóstico de seu, baseándose nas imaxes animadas tanto de datos pasados (radar de chuvia, imaxes de satélite, etc.) como nas imaxes de predición para os vindeiros días.
Ademais, permite compartir os recursos gráficos cos contactos, seareiros e amigos a través de Twitter, Facebook e servizos de correo electrónico. A versión Android chega co mellor dos agoiros, contan os responsábeis de Smart GalApps, “logo dunhas cantas semanas ocupando os postos máis altos de descargas en aplicacións do tempo para iPhone e IPad”. Asemade, trátase dunha ferramenta viva, cun conxunto de datos dispoñíbeis que, se queira ou non se queira, irá medrando cada pouco. O servizo ofrece, a día de hoxe, o seguinte:
· Imaxes de radar de chuvia: da AEMET e MeteoGalicia, para a Península Ibérica, Portugal, España e a maioría das súas comunidades.
· Imaxes de satélite: da AEMET, MeteoGalicia, a IPMA e a NOAA, para todo o mundo, Europa occidental e África norte, Península Ibérica, España, Estados Unidos, Mar Caribe e Golfo de México,
· Imaxes de detección de raios: da AEMET, para España.
· Imaxes de predición atmosférica: de MeteoGalicia, para temperatura, chuvia, vento, nubosidade, humidade relativa e neve de Europa occidental e África norte, Península Ibérica, Galicia e Norte de Portugal, e as 4 provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
· Imaxes de predición oceanográfica: de MeteoGalicia, para temperatura da auga e altura das ondas do océano Atlántico