Teléfonica celebra o seu centenario traendo a Ferrán Adrià ao campus vigués

venres, 12 de abril do 2024 S. P.

A compañía de telecomunicacións Telefónica está de aniversario, cen anos de existencia, para festexalo a Rede de Cátedras Telefónica está a celebrar unha serie de xornadas baixo o nome de Imaginémonos sin límites, unha proposta que está a levar ao cociñeiro Ferran Adrià por diferentes universidades no Estado. Así, o vindeiro 22 de abril o chef visitará o campus de Vigo, onde presentará a súa metodoloxía Sapiens.
Dicir que a xira inaugurouse a comezos deste mes na Universidad Francisco de Vitoria de Madrid e até o mes de novembro, o cociñeiro e embaixador de Telefónica dende 2010 percorrerá nove institucións académicas e 15 cidades. A de Vigo, como unha das 25 universidades con Cátedra Telefónica, tamén contará coa súa presenza. O programa abrangue un acto de benvida, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ás 11 horas, que dará paso á conferencia de Adrià, titulada Imaginemos: 100 años de innovación, na que compartirá co alumnado a súa metodoloxía Sapiens, unha técnica centrada en conectar diversas respostas para comprender mellor e fomentar a innovación, captar a atención dos presentes e impulsar a importancia da innovación no eido.
Logo do relatorio, Ferran Adrià presentará ao alumando da UVigo o Challenge ElBulli846, un desafío que ten como obxectivo o estímulo, a difusión e o coñecemento da dita metodoloxía Sapiens para a súa aplicación en traballos fin de grao, mestrado e proxectos innovadores en materias de grao e mestrado oficiais. O alumnado da UVigo poderá poñerse a proba neste reto e as persoas gañadoras, dúas por cada cidade, recibirán como premio unha estadía de dous días en Cala Montjoi cun programa exclusivo de actividades xunto con Adrià e o equipo de elBulliFoundation.
Esta non é a primeira experiencia de Adrià no eido dos retos, xa que o cinco veces doutor honoris causa, é promotor de multitude de challenges relacionados coa innovación nas universidades e escolas de negocio máis recoñecidas do mundo, como Harvard, MediaLab do MIT, London Business, Columbia, etc. Ademais, tampouco será a súa primeira visita á Universidade de Vigo, onde xa estivo no ano 2010, como convidado e padriño dun acto de recoñecemento ás empresas organizado polo Consello Social.
Engadir que as persoas interesadas en asistir á xornada deben inscribirse vía web ao evento.

PUBLICIDADE