Todo listo para o desenvolvemento do Ciberencontro Concello de Mugardos, o Kernel 2014

martes, 16 de setembro do 2014 Redacción

Os vindeiros 19 e 21 de setembro, esta mesma semana, temos unha cita de primeira para todo aquel internauta seareiro do software libre ou simplemente usuario de programas abertas. Ou sexa, que falamos dunha cita de interese para practicamente todos os internautas galegos. Trátase do Kernel 2014, o Ciberencontro Concello de Mugardos, unha xuntanza impulsada como de costume pola Comunidade O Zulo, con base no dito concello da comarca ferrolá e que se desenvolve un ano máis na Casa da Cultura local. O encontro, que tamén conta na organización co Concello de Mugardos, foi collendo forma as semanas pasadas coa incorporación progresiva de colaboradores, participantes e patrocinadores.
Entre os compañeiros que unen forzas con O Zulo atópanse Marcos Vázquez (que será o encargado de fotografar as diferentes actividades do ciberencontro, difundindo e ceibando logo o traballo resultante baixo licenza Creative Commons e na conta da asociación na rede social Flickr) ou Tomás Monteagudo, responsábel do estudo de arquitectura do mesmo nome, emprazado en Mugardos e comprometido cun labor de patrocinio co desenvolvemento presente e futuro das xornadas.
Volvendo ao encontro en si mesmo, dicir que adoita dar acubillo a xente de tódalas idades co nexo común do seu interese polo software e a información sen barreiras. “Asisten”, sinalan os organizadores, “dende rapaces de 14 anos até universitarios, electricistas, informáticos, seareiros da tecnoloxía e dos xogos, de Internet en xeral, do universo geek, etc, en realidade todos temos un sitio no Kernel”, engaden. De feito, un dos dos lemas do encontro é fomentar a participación. De aí que os organizadores sosteñan que a paixón polo software e a cultura libre non se entendería se os participantes non tivesen tamén oportunidade de ensinar, amais de aprender. A culminación desta nova entrega do Kernel prometer ser no Pub Tropezón de Mugardos, o sábado 20 de setembro, onde se convoca aos asistentes para celebrar o festival Rock no Trope, na súa cuarta edición, “unha festa aberta para todos os amigos e amigas da Comunidade”.

PUBLICIDADE