Trivago recoñece a Santiago como a cidade estatal de meirande reputación hostaleira en liña
xoves, 24 de xaneiro do 2013
O servizo Trivago,
especializado en achegar facilidades aos internautas viaxeiros co fin
de que elixan o hotel que máis lles conveñen ás súas necesidades,
vén de elaborar un estudo (dispoñíbel
en formato de prensa en PDF) acerca da reputación en liña dos
establecementos das principais cidades españolas. Dáse, ao seu
abeiro, a boa nova de que a urbe con máis prestixio en liña en
Santiago de Compostela, seguida de Oviedo, Valencia, Burgos e
Córdoba. Isto significará, entre outras cousas, que a capital
galega e as outras catro cidades recibirán un recoñecemento na gala
de entrega dos Trivago Online Reputation Awards 2013, no marco
da vindeira feira FITUR.
A análise realizouse nas
40 cidades españolas con maior número de hoteis, téndose en conta
1.7 millóns de opinións de usuarios rexistradas tanto nas
diferentes plataformas de Trivago como nas webs de reserva que
compara.
Finalmente, Santiago
resultou ser a cidade española con mellor reputación en liña,
cunha valoración media de 82.05 puntos sobre cen. Xunto a Oviedo,
con 80.19 puntos, son os únicos destinos analizados que superan os
80 puntos. Valencia, con 79.82, é a terceira do ranking,
Burgos é a cuarta, con 79.74, e Córdoba, a quinta, con 79.71. O
resto de cidades que conforman o ranking do dez cidades con
mellor reputación dixital son Salamanca (79.70), Barcelona (79.56),
Málaga (79.40), Bilbao (79.17) e Zaragoza (78.98).
Como lembraremos, estes
galardóns xorden para recoñecer o bo traballo dos aloxamentos das
cidades estatais, “xa que a reputación a través das redes
tecnolóxicas é un dos factores que máis inflúen tanto na decisión
de compra dos viaxeiros como na creación dunha imaxe de marca sólida
por porte dos hostaleiros”, informa Trivago.