Un estudo da UCGAL sinala a Movistar como a mellor escolla en canto a banda larga, fixa e móbil

mércores, 7 de outubro do 2015 Redacción

Presentación do informe celebrada en Santiago da man da UCGAL

O I Estudo sobre a Banda Larga Fixa (BLF) e Móbil (BLM): Vivimos en Converxencia (accesíbel na Rede en formato PDF) levado a cabo pola Asociación de Internautas (AI) e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de amosar as súas conclusións. Cómpre informar que para a realización deste estudo, a AI reuniu máis de 7,73 millóns de test de BLF entre setembro de 2014 e abril de 2015. Un 62% das enquisas correspondíanse á tecnoloxía ADSL, e o resto era cable (27%) ou fibra (10%). Asemade, analizáronse datos oficiais publicados pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI), a Oficina de Atención aos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL) e os propios operadores nas súas páxinas web. Por empresas, Movistar é a mellor parada do estudo.
Cales son os parámetros tidos en conta nesta enquisa? Pois esta puntuación global, componse da análise da BLF (condicións das ofertas, velocidades, avarías e reparacións, reclamacións...) e da BLM (velocidades, reclamacións e tempo de resolución, condicións das ofertas, megabytes a máxima velocidade, prezos, minutos e SMS gratuítos...).
O líder en ambas categorías é Movistar con 7,93 puntos na BLF e 6,76 na BLM. Podemos observar diferenzas entre operadores de até o 22% na BLF e de máis do 35% na BLM.
Movistar encabeza as puntuacións tanto en BLF (8,52) coma en BLM (7,28). As diferenzas na BLM chegan até case o 29% e na BLF ao 34%. Movistar desmárcase do resto de operadores fixos que se ven afectados polas valoracións dos operadores móbiles que lles alugan a súa rede.
En canto ao caudal de descarga da BLF, nas velocidades iguais ou superiores aos 100 Mbps (fío ou fibra) Movistar acada un 98%, R un 91% e Euskaltel un 77%.
Na BLM, chama a atención a variación entre os valores máximos e mínimos, dependentes da cobertura...
De falarmos de avarías, o operador R rexistra o peor dato en avarías de BLF (7,59%). No tocante ao tempo empregado na resolución de avarías, Movistar obtén os mellores resultados reparando o 97% das avarías en pouco máis de 40 horas. Telecable resolve o 68% das avarías en 5 días (133 h).
As reclamacións de BLF, segundo a OAUTEL, sinalan que Jazztel (2,11) multiplica por 4 os datos de Movistar (0,54). Os demais operadores presentan 3 veces máis reclamacións por cada 10.000 clientes. Polo que se refire a BLM, OAUTEL engade que Yoigo e Vodafone teñen as porcentaxes de reclamacións máis baixas.
Nas ofertas combinadas de BLF (Mbytes a máxima velocidade no móbil, minutos desde móbil, SMS, canles televisión, etc) só Ono, Movistar e Vodafone superan os 7 puntos e Euskaltel fica con 5,88.
Os minutos de chamadas nacionais desde o teléfono fixo son ilimitados en tódolos operadores. Non
así nas de fixo a móbil onde atopamos extremos que van desde os 60 minutos de Euskaltel aos 1.000 de Orange. E nas chamadas desde o móbil, a cousa anda entre os 780 minutos de Euskaltel e os ilimitados das ofertas máis completas. Sobre os SMS, dicir que son ilimitados nalgunhas ofertas de Movistar, Ono e Vodafone pero os restantes operadores non os inclúen nas súas ofertas combinadas.
Non esquecemos mencionar as canles de TV, que indican como mellor opción (atendendo ao número de canles integrados na oferta básica) a Movistar con 96 canles.
As variacións na media de velocidade de descarga e de subida son unha constante. Por exemplo, na
velocidade de subida a cousa vai entre os 5,63 MB de Jazztel e os 15 de Telecable e Euskaltel.
O prezo medio de tódolos operadores nas ofertas combinadas é de 50,93 €. Nos extremos, Telecable
supera os 60 € e Jazztel sitúase preto dos 40.
Por último, hai que subliñar que as ofertas básicas de BLM de contrato e tarxeta a media supera o aprobado (5,37) e atopamos diferenzas de máis do 40% entre o mellor (Yoigo) e o peor (Telecable).
Na media dos paquetes de MB adicionais para navegar hai que salientar os 5 GB de R e máis se temos en conta que, tanto Yoigo coma Euskaltel, non achegan MB adicionais senón que reducen a velocidade de navegación. Segundo este estudo, a media de minutos de chamadas desde o móbil integradas nas ofertas comerciais vai desde os ilimitados de R ata os 563 de Jazztel.

PUNTUACIÓN GLOBAL DOS OPERADORES

  • MOVISTAR: 7,59
  • ONO: 6,71
  • VODAFONE: 6,46
  • EUSKALTEL: 6,35
  • R: 6,16
  • TELECABLE: 6,12
  • JAZZTEL: 6,07
  • ORANGE: 5,92
  • YOIGO: 6,3 *(A puntuación global só se corresponde coa BLM)
  • MEDIA: 6,42

PUBLICIDADE