Un libro ilustrado chama á reflexión sobre a nosa relación coa tecnoloxía

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O autor de libros infantís David Milgrim parece ter atopado unha grande fonte de inspiración na tecnoloxía que cada vez está máis presente nas nosas vidas, e tras publicar o ano pasado o libro Goodnight iPad baixo o pseudónimo Ann Droyd (no que parodia o conto infantil Goodnight Moon orientando a historia a nenos rodeados de trebellos tecnolóxicos e chegando a vender unhas 120.000 copias), anuncia agora a súa nova obra, Siri & Me: A Modern Love Story, que chegará o 1 de novembro como unha historia de amor ilustrada na que un usuario de iPhone namora do asistente de voz Siri coma se fose unha muller que vive dentro do seu móbil.
Desta volta Milgrim non dirixe a súa obra aos cativos e nenos grandes, senón que narra a historia dun blogueiro chamado Dave e a súa relación coa tecnoloxía, reflectindo situacións que resultarán familiares a moita xente, como cando varias persoas sentadas á mesa están a tuitear ou actualizar o seu estado de Facebook para dar conta da súa actividade real aos seus amigos virtuais. Unha obra que chama ao lector a reflexionar sobre o lugar que a tecnoloxía está a ocupar nas nosas vidas.


Vídeo promocional de Siri & Me: A Modern Love Story

PUBLICIDADE