Un software desenvolvido no CiTIUS optimiza e axiliza a detección de aneurismas na aorta

xoves, 17 de xullo do 2014 Redacción

O investigador Juan Antonio Martínez Mera nas portas do CiTIUS

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago) está a amosar estes días o importante potencial médico-tecnolóxico dunha tese doutoral realizada ao seu abeiro para mellorar os sistemas de detección de aneurismas na aorta. O traballo de investigación, realizado por Juan Antonio Martínez Mera, senta as bases para o deseño, desenvolvemento e avaliación clínica dun novo sistema automático para a detección de alteracións na aorta torácica. A tese obtivo a máxima nota académica (sobresaliente cum laude) e achega unha ferramenta software para facilitar aos profesionais médicos resultados interpretábeis de xeito inmediato, o que redundaría nunha redución da carga de traballo e en menores tempos para o diagnóstico e a prevención.
Lembrar que a aorta é a arteria principal do corpo humano, “o vaso sanguíneo de meirande importancia e tamaño encargado de transportar o sangue por todo o organismo”, sinalan fontes do CiTIUS. Polo tanto, resulta fundamental afondar nun mellor coñecemento da mesma e na prevención das patoloxías que lle soen ser propias, sendo a máis común delas o aneurisma (dilatación permanente dalgún dos seus puntos e, por conseguinte, punto en risco de ruptura). A taxa de mortalidade que achega esta patoloxía, en caso de chegar a producirse a ruptura, é do 90%.
Segundo informa o CiTIUS, arestora o diagnóstico dun aneurisma fai preciso o emprego dun software comercial destinado a calcular os diámetros normais da arteira procurando posíbeis alteracións. Porén, engade o centro, “este sistema carrexa inconvenientes, por exemplo que obriga ao especialista a marcar diferentes puntos de xeito manual e a empregar tempo de tempo de máis neste proceso de marcado”. Isto pode condicionar o resultado final da atención médica, impedindo en ocasións que os datos sexan cen por cen exactos (os datos, por exemplo, da localización en detalle dos puntos de risco). Pola contra, a investigación de Martínez Mera sentou os alicerces para o desenvolvemento dun software específico que contrarreste o devandito risco de inexactitude, ceibando o sistema da intervención manual: partindo de medicións clínicas sobre imaxes obtidas dos estudos médicos dun paciente real non só permite o diagnóstico, senón que brinda, ademais, a posibilidade de realizar un seguimento da patoloxía.

PUBLICIDADE