Vigo acolle o día 28 o primeiro editatón da Galipedia

martes, 20 de xaneiro do 2015 Redacción

GALPon vai organizar o vindeiro 28 de febreiro unha actividade de especial interese para os nosos docentes máis afeitos a botar man da Internet para complementar os contidos da clase e, tamén, para mellorar a formación do alumnado en materia de acceso ao coñecemento. Máis polo miúdo, do que se trata é de abrir novos horizontes de participación e interacción para os docentes que botan man da Galipedia, a Wikipedia en galego. A convocatoria do 28 (o primeiro editatón da Galipedia) contará precisamente coa colaboración dos administradores da Galipedia, que exporán ante os asistentes diversos xeitos de colaborar coa iniciativa. Por exemplo na edición de artigos.
A idea, tamén, é expor as vantaxes de investigar para a enciclopedia galega e os métodos para facelo. Na xeira de traballo, sinala GALPon no seu convite ao profesorado galego, “poderemos aprender xuntos como participar na creación de artigos, asesorados por usuarios experimentados, ao tempo que axudamos a que medre o coñecemento dispoñíbel para todo o mundo, na nosa lingua”.
O obradoiro ten tamén a intención de explorar as posibilidades de incorporar a documentación da Galipedia nas nosas aulas, “polo que intercambiaremos ideas e experiencias que poidan darlle ao noso alumnado a oportunidade de ser non só usuarios, senón participantes activos e creadores do patrimonio cultural e libre da humanidade”, engaden os organizadores da xornada, que por certo vaise celebrar na Residencia Altamar de Vigo.

PUBLICIDADE