Windows 10 xa está dispoñible para a súa descarga

mércores, 29 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Tras numerosas versións de proba que pasaron por centos de milleiros de usuarios hoxe chegou o día decisivo para o novo sistema operativo de Microsoft, e dende a pasada madrugada está dispoñible a actualización de Windows 7/8.1 a Windows 10 de balde, de xeito que moitos dos usuarios que reservaron a súa actualización xa poden gozar do novo sistema, aínda que moitos outros deberán agardar a que no seu equipo apareza a notificación correspondente que lles indique que poden proceder á actualización, xa que Microsoft quixo que o espallamento desta actualización fose progresivo para evitar colapsos nos seus servidores.
A actualización de balde a Windows 10 está xa dispoñible para 190 países, afectando inicialmente ás versións Home e Pro dos Windows anteriores, ou sexa, que os usuarios corporativos teñen o seu propio calendario de actualizacións. Estamos ante un grande cambio para os sistemas informáticos de todo mundo, así como para Microsoft, que adopta agora unha nova política de actualizacións, confiando en que poidamos dicir adeus a un novo Windows cada 2-3 anos por apostar por actualizacións constantes de Windows 10, que facilite a posta ao día de centos de millóns de ordenadores de todo o mundo e fuxindo así dos problemas provocados polo atoamento en vellas versións de Windows que xa carecen de soporte (como acontece con Windows XP).
Windows 10 non só será un sistema operativo máis actualizado e seguro, senón que tamén incluirá novidades moi interesantes, como un novo menú de inicio que mestura o menú clásico de Windows 7 co novo sistema de menús de Windows 8, permite o uso de escritorios virtuais, inclúe a tecnoloxía de identificación Windows Hello (compatible con distintos sistemas de identificación biométrica), fai doado o control de Windows mediante distintos métodos de entrada (voz, lapis dixitalizadores, pantallas táctiles...), inclúe o potente asistente persoal Cortana (que leva tempo evolucionando en Windows Phone e que pode mudar significativamente o xeito de interactuar co noso equipo), o novo navegador Microsoft Edge (que non se limitará a suceder ao Internet Explorer, senón que aspira a superar a Firefox e Google Chrome en rendemento e cota de mercado), mellórase a integración coas plataformas de videoxogos de Microsoft, facilítase o traballo en combinación con dispositivos móbiles, intégranse novas aplicacións de produtividade e lecer... en definitiva, sería un importante paso adiante para Windows, que dende hoxe xa é unha realidade.
Aínda que o máis recomendable para instalar Windows 10 é agardar a que o sistema se actualice de xeito automático, Microsoft xa conta na súa páxina web cunha ferramenta para poder crear un USB ou un DVD de instalación ou incluso para actualizar directamente a Windows 10 sen esperar á actualización automática. Se optamos pola gravación da imaxe de instalación de Windows 10 nun dispositivo externo poderemos aproveitala para instalar o sistema noutros equipos ou tamén gardala de reserva por se nalgún momento é preciso facer unha reinstalación dende cero.

PUBLICIDADE