Xa podemos inscribirnos para participar no congreso María Pita DefCon

martes, 10 de xaneiro do 2017 Redacción

A Facultade de Informática da Coruña acubillará a partir do 6 de marzo o congreso María Pita DefCon, unha cita sobre seguridade informática que se dirixe a xuntar na FIC, na Facultade de Informática da Coruña, máis de medio de expertos en protección de sistemas e coñecemento. Esta vertente security complementarase en María Pita DefCon con outro piar temático fundamental: a cuestión da fenda dixital de xénero, facendo fincapé en destacar o papel das mulleres no emprego e na construción das novas tecnoloxías da información. Segundo nos veñen de contar os organizadores, o evento vén de abrir os seus rexistros para participarmos como colaboradores, voluntarios e relatores. En relación a isto último, poderemos concorrer con charlas, obradoiros, mesas redondas ou concurso. O requirimento é que a nosa achega trate sobre seguridade ou sobre o reto de visualizar as mulleres nas TIC. O proceso de inscricións ficará aberto dende hoxe até o 6 de febreiro.
Segundo engaden os organizadores, as candidaturas iranse avaliando tan axiña como vaian chegando, e aprobaranse sen necesidade de agardar até o derradeiro día.
Detrás deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño.
As/os impulsoras/es da xuntanza contarán co apoio da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC. A cita desenvolverase entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus responsábeis, é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha semana.
A orixe de María Pita DefCon, segundo nos contaron hai unhas semanas os organizadores, está na necesidade de seguir debatendo e intercambio coñecemento avanzado sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital.

PUBLICIDADE