Os esforzos dos sucesivos Gobernos galegos por estender a banda ancha por toda a Comunidade semella que aínda non deron o froito agardado, polo que o executivo terá que “pelexar” un pouco máis con todos cantos medios teña nas súas mans para cumprir os obxectivos previstos no relativo ao espallamento deste servizo.
Segundo afirma unha análise sobre a situación desta tecnoloxía no noso país elaborado pola propia Xunta e publicado pola edición impresa de La Voz, “a pesar do conxunto de actuacións nomeadas, a dispoñibilidade da banda ancha en Galicia dista moito de poder considerarse unha situación cando menos satisfactoria”, e isto significa que o traballo que queda por diante é moito e minucioso.
O informe, que tamén recolle o Mapa actual de Telecomunicacións de Galicia, indica asemade que o fallo radicaría “na carencia dunha estratexia global en materia de despregue de infraestruturas de telecomunicacións que canalizasen os importantes investimentos realizados nunha mesma dirección e que coordinase os esforzos dos diferentes axentes de cara a permitir unha verdadeira optimización dos recursos, tanto públicos como privados”.
Establecido o diagnóstico e botados os balóns fora, este Mapa de Telecomunicacións deberá servir agora de alicerce para o desenvolvemento dun novo Plan Director de Banda Ancha en Galicia 2010-1013, que deberá levar as infraestruturas desta tecnoloxía a tódolos concellos nos que pensar en Internet é unha utopía.
E non son poucos, na actualidade, no noso país son máis de 153 os núcleos nos que, segundo indica o informe, a banda ancha brilla pola súa ausencia, o que traducido en porcentaxe significa que preto do cincuenta por cento dos concellos de toda Galicia non teñen acceso a Internet á devandita tecnoloxía, o cal é irrisorio en pleno século XXI.
Traducido a número de habitantes o dato aínda vai un pouco máis lonxe, xa que supón que, na actualidade, o noso país, onde de xeito paradoxal hai maior velocidade de banda ancha móbil de España xunto con Madrid e o País Vasco, habería máis de 700.000 galegos e galegas que non teñen posibilidade de acceso á banda ancha fixa, o que supón a cuarta parte de toda a poboación.
Pode dicirse, conclúe o informe, “que os datos actuais seguen a situar a Galicia como unha das comunidades menos desenvolvidas en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións e, por tanto, en progreso na Sociedade da Información”.
Neste senso, a Xunta definirá as prioridades de actuación marcados polo estudo previo no vindeiro mes de xaneiro, coa presentación do devandito Plan Director de Extensión de Banda Ancha en Galicia, onde tamén se recollerá o tipo de tecnoloxía que se implantará e as entidades públicas e empresas que levarán a cabo o servizo de maneira planificada.
Un informe da Xunta revela a mala situación da banda ancha en Galicia
Compartir Este Artigo

