
As actividades, que se insiren no programa Espectáculos de ciencia, desenvolveranse por toda a nosa xeografía, poñendo de relevo a vontade da Tecnópole de tirar abaixo as súas propias barreiras e facer, na medida do posible, que actividades como a Semana da Ciencia, na que participa arreo o parque tecnolóxico, pasen a abranguer todo o ano. O primeiro dos espectáculos titúlase Ciencia ou ficción e celébrase estes días en Ourense con dúas sesións e repetirase en breve en Lugo, Santiago, A Coruña e Pontevedra.
Ata o mes de maio celebraranse outros tres espectáculos diferentes que tamén viaxarán a Ferrol e Vigo, todos eles cofinanciados pola Consellería de Economía e Industria.
A iniciativa, conta a Tecnópole, supón o inicio do programa de accións de celebración do 20 aniversario do parque e insírese na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica contemplada no Plan Galego de Investigación, o i2C, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.
Os Espectáculos de ciencia, engaden fontes da Tecnópole, “supoñen un reto porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia”. As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes. O obxectivo é o seguinte: “Levar a ciencia da maneira máis didáctica e amena aos máis novos; ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos”.
A Tecnópole e a Fundación Barrié unen forzas para achegar a I+D a 8.000 estudantes galegos
Compartir Este Artigo
