O servizo Doafund.com, posto en marcha por mans galegas para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñarmos fogares en risco de desafiuzamento, vén de cumprir un mes e medio de vida en liña e celébrano achegando unha serie de datos de interese sobre o xerado ata o de agora dende o seu seo. Como lembraremos, Doafund é unha mestura de conceptos: trátase dunha iniciativa empresarial TIC, acubillada na Internet, que en boa maneira funciona como unha cooperativa e como unha organización de obra social. Polo tanto, estamos ante un servizo que busca o beneficio ao tempo que realiza un importante ben social. Máis polo miúdo, loita contra os desafiuzamentos efectuados polos bancos. Segundo nos contan os seus responsables, ao longo do devandito mes e medio, xa se conseguiu que unha ducia de familias mantivesen o seu fogar, pagáronse 14 cotas e recadáronse máis de 5.000 euros.
En termos máis concretos, familias apadriñadas no servizo como Matondi-González lograron, grazas ás axudas dos usuarios de Doafund, cubrir unha primeira cota de pago en menos de tres horas (déronse de alta na web un mércores polo serán, coa necesidade de recadar a cota en menos de dous días, e conseguiron os 206 euros que precisaban en só tres horas). Asemade, os integrantes da familia Gradín-Álvarez, uns días despois de conseguir axudas para evitar o procedemento de desaloxo, viron como se lles aprobaba un subsidio que lles permitiu volver facer fronte aos seus pagos.
O servizo web Doafund axudou xa ao mantemento nos seus fogares de 11 familias
Compartir Este Artigo
