A Federación Galega de Comercio e a Asociación de Empresarios de Miño déronse cita na tarde deste xoves cos comerciantes deste concello coruñés e a súa contorna para presentarlles o proxecto comerciogalicia.es, o portal do comercio galego; unha iniciativa que arrincou hai un ano como medio para “dotar ao sector dunha nova vía para incrementar as vendas e chegar a novos clientes nestes tempos de crise”, informaron as dúas entidades, ao que engadiron que se trata dunha iniciativa que arestora xa conta con máis de 200 establecementos integrados e máis de 10.000 produtos pendurados. Os seus obxectivos fundamentais, amais do devandito, son os seguintes: incorporar aos establecementos ao ámbito do comercio electrónico (un ámbito en progresivo e imparable proceso de medre, segundo informa cada pouco a CMT) e ofrecer os produtos que se están a comercializar nos locais a pé de rúa a un público máis amplo.
Ou sexa, que a través da devandita plataforma quérese acadar o que doutra maneira sería imposible de conseguir: o afianzamento do noso sector en mercados fisicamente afastados pero potencialmente abertos e rendibles. Segundo informou José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, a nova canle de venda representa unha moi boa oportunidade e unha “gran vantaxe nos tempos que corren, xa que o comerciante suma outro espacio físico onde ter os seus produtos á venda as 24 horas do día, co mínimo investimento e menor esforzo”. Esta metodoloxía de traballo foi precisamente a que apuntalou a creación e desenvolvemento de comerciogalicia.es, unha plataforma de comercio electrónico que tamén salienta, segundo sinalaron os seus responsables, por ser “segura e de calidade”. Nela, a Federación Galega de Comercio (coa colaboración da Xunta de Galicia) buscou a excelencia a través do apoio e colaboración dos mellores profesionais. “Con estes avais”, engadiron, “o portal convértese nun novo escaparate para os produtos do comercio galego e os comerciantes de Miño e as localidades do entorno non poden deixar de estar aí”. Para iso, fíxose un especial esforzo en dar corpo a “unha plataforma sinxela e cómoda para o empresario, que ademais recibe asesoramento e formación para que el mesmo poda xestionar o seu espacio de venda”. Segundo o presidente da Federación Galega de Comercio “trátase dun proxecto moi ambicioso, pero necesario, que nos permitirá estar á altura das grandes empresas ou cadeas de distribución, poñendo ao comercio galego na primeira liña de venda, dando un chimpo directo e obrigado cara o comercio electrónico porque sen dúbida, é o intre de facelo”.
A presentación contou coa presencia do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o presidente da Asociación de Empresarios de Miño, José Pousada Cubeiro; o presidente da Federación de Comercio de A Coruña, Miguel Agromayor; o alcalde de Miño, Jesús Veiga Sabín; e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal.
Preséntase ante os comerciantes de Miño un novo portal galego para facérmonos fortes no ecommerce
Compartir Este Artigo
