Unha empresa de produtos probióticos, unha aplicación para crear contos personalizados nas tablets (da que temos falado nesta web en detalle); unha nova tecnoloxía aplicable ás medicións dos tratamentos de radioterapia; un programa para manter no tempo clientes empregando xogos para móbiles, deseños personalizados e ecolóxicos de lámpadas de cartón; un sistema que axuda ás adegas a mellorar a calidade dos seus viños ao poder tomar as decisións dos traballos agrícolas no intre óptimo; unha web de compra-venda de segunda man; un novo concepto de camisetas de luxo e unha canle de TV para negocios de hostalaría son os dez proxectos que se seleccionaron na aceleradora ViaVigo de cara a recibir unha achega de capital-semente e pasar á fase de academia.
O comité técnico de ViaVigo fixo hoxe pública a selección dos dez proxectos que participarán na Fase 5 do programa e recibirán achegas de capital-semente. Nos vindeiros días os responsables de ViaVigo poranse en contacto cos autores dos proxectos co fin de convidarlles de xeito formal a incorporarse á aceleradora na que se lles preparará para mellorar a xestión e organización da súa empresa e para presentarse a unha nova rolda de investidores públicos e privados co gallo de lanzar definitivamente os seus produtos. Está previsto que a aceleradora comece a súa actividade na segunda quincena de xaneiro, no Centro de Negocios de Porto do Molle.
Aos proxectos que ficaron fóra desta selección a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo -Teresa Pedrosa- comunicoulles que o espírito de ViaVigo é apoiar aos emprendedores, polo que o consorcio seguirá contando con todos eles nas accións que realice e porá á súa disposición outros servizos como a incubadora de empresas, áreas de coworking e servizos de asesoramento. Amais, os equipos xestores disporán dun acceso de balde ao servizo de información empresarial Ardán.
VíaVigo selecciona as dez mellores ideas de negocio
Compartir Este Artigo
