Trivago segue coa vaga de recoñecementos ás cousas turísticas da nosa terra. Se hai uns días falabamos aquí dunha nova distinción ao Hostal dos Reis Católicos de Santiago e á propia capital galega como exemplo de reputación hostaleira, agora é a quenda da cidade de Lugo, que foi elixida como terceiro Destino Recomendado (edición 2014) polos internautas usuarios deste servizo. Por certo que este galardón (en pdf) á cidade da Muralla será entregado este xoves 23 da xaneiro no marco do salón FITUR. Os usuarios de Trivago sitúan a Lugo no posto 65 da listaxe mundial dos 100 destinos do mundo máis aconsellables para viaxar este ano. A nivel estatal, como dixemos, a cidade galega está no terceiro posto.
O premio en cuestión recoñece o labor aos aloxamentos lucenses, que a través dunha “excelente valoración en liña procedente das opinións vertidas polos usuarios de Trivago, dotan a Lugo dunha excelente reputación na Rede”, informan os responsables deste servizo. Asemade, Trivago salienta a excelente relación calidade-prezo da achega turística da cidade da Muralla. A encargada de entregar o premio en FITUR é Natalia Aguilar, directora de Trivago España. Ao acto acudirá José López Orozco, alcalde de Lugo, quen recibirá o devandito galardón acompañado de Carmen Basadre, concelleira de Cultura e Turismo.
Como lembraremos, Trivago é un servizo especializado en achegar facilidades aos internautas viaxeiros co fin de que elixan os hoteis que máis lles conveñen ás súas necesidades. Un dos recursos principais é a máis que completa comunidade de usuarios que atesoura a nivel mundial. Para facérmonos unha idea do seu alcance, a día de hoxe dá acubillo a 1,5 millóns de seareiros no sitio de seu en Facebook. Dende este perfil, teñen informado fontes do servizo, compártese cos seareiros de todo o mundo un amplo abano de contidos: novas, resultados de estudos, enquisas, os obxectivos da compañía e as vantaxes que esta pon en xogo de traballarmos nela.
