Até o momento os proxectos de micromecenado que máis destacaron en Kickstarter foron os relativos a produtos tecnolóxicos, co smartwatch Pebble xuntando máis de 10 millóns de dólares, a consola baseada en Android OUYA recadando preto de 8,6 millóns de dólares e o reprodutor musical Pono sumando máis de 6,2 millóns de dólares, sendo poucos os proxectos culturais e audiovisuais que conseguían ter certa repercusión nesta plataforma, coa excepción do filme que naceu a xeito de secuela da serie de televisión Veronica Mars (que conseguiu 5,7 millóns de dólares); e agora, dentro desta pequena selección de proxectos de éxito, está a piques de entrar Reading Rainbow, que prevé superar os 5 millóns de dólares nas vindeiras horas (pese a que o proxecto inicialmente só buscaba xuntar 1 millón de dólares).
Pero aínda que Reading Rainbow non consiga superar economicamente ao filme de Veronica Mars, xa está a ser líder en Kickstarter en número de mecenas, superando os 95.000, xa que esta iniciativa non pretende colocar un produto de prezo elevado entre os que o apoian, senón que estamos ante unha boa causa que busca loitar contra o analfabetismo funcional entre os cativos. De todos os xeitos, si parece que este proxecto vaia superar ao filme protagonizado por Kristen Bell, xa que o televisivo Seth MacFarlane (responsable de series como Padre de Familia) comprometeuse a axudar no último tramo da campaña, de xeito que a partir dos 4 millóns de dólares igualará as achegas que realice o público ata os 5 millóns, de xeito que, de superarse os 5 millóns recadados, MacFairlane contribuirá á iniciativa cun millón de dólares adicional.
Reading Rainbow era un programa de televisión estadounidense, que tivo un total de 21 tempadas entre 1983 e 2006, no que animaban aos nenos a adoptar hábitos lectores, que a petición popular volveu en 2012 adaptándose aos novos tempos, de xeito que transformouse nunha aplicación para iPad e Kindle Fire a través da que achegarse aos máis pequenos. Pero en vista de que deste xeito só chegaba a un público limitado (e con alto poder adquisitivo) o seu presentador, o popular LeVar Burton (moi lembrado polos seus papeis como Georgi La Forge en Star Trek: A Nova Xeración e Kunta Kinte en Raíces, e ao que actualmente podemos ver na serie Perception) decidiu levar esta plataforma educativa á web, tablets con Android, consolas de videoxogos, smartphones e outros dispositivos conectados, creando tamén unha plataforma para aulas, pero que tería que financiarse mediante subscricións, o que claramente non estaría ao alcance de todos, polo que decidiron realizar unha campaña de captación de financiamento a través de Kickstarter a través da que os mecenas reciben subscricións persoais e outros agasallos como recompensa, pero que destina boa parte dos seus ingresos ao desenvolvemento desta nova plataforma de divulgación da lectura e permitirá que milleiros de aulas sen recursos económicos poidan acceder de balde ao servizo.
Vídeo promocional da campaña de Kickstarter
Un proxecto educativo convértese na campaña con máis mecenas na historia de Kickstarter
Compartir Este Artigo

