Lugo e A Coruña están entre as cidades estatais máis económicas para os viaxeiros-internautas. Así o certifica o portal-comunidade de servizos turísticos Trivago.es, que cualificou as urbes galegas como dous dos destinos máis axeitados (en relación calidade-prezo) para viaxar arestora. O resto da listaxe está integrada por León, Castelló, Lleida, Murcia e Badaxoz. Segundo lembra o Concello de Lugo, trátase dunha moi boa nova para o sector hostaleiro e turístico da cidade e súa contorna, e máis se temos que conta que a devandita plataforma de viaxeiros conta a día de hoxe con máis de 3 millóns de seareiros nas redes sociais e mantén actividade en máis de 20 países.
Na actualidade, o portal Trivago está mergullado nunha iniciativa para impulsar o turismo nos destinos máis accesibles no plano económico.
En palabras da concelleira de Cultura e Turismo, Carmen Basadre, “esta distinción servirá para reforzar o incremento de viaxeiros que recibiu Lugo no último ano, no que máis de 40.600 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo Municipal, un 5% máis que o ano anterior, e súmase ao recoñecemento de Destino Recomendado 2014 que tamén lle outorgara Trivago á cidade”.
Na clasificación, por certo, distínguense e visualízanse os 7 lugares con prezos máis económicos ao tempo que se promoven as atraccións turísticas de cada destino. Segundo recorda o Concello, en Lugo, Trivago ademais de salientar o prezo económico dos seus aloxamentos, dun mínimo de 36 euros a noite, pon en valor o seu patrimonio histórico, a Muralla Romana, a Igrexa de San Pedro, a Ponte Romana ou o consistorio; así como a gastronomía e as tabernas.
Lembrar que recentemente Trivago volveu emprazar a cidade galega como un dos destinos con meirande potencial e proxección.
Os internautas sitúan Lugo e A Coruña entre as cidades máis acaidas para visitar este inverno
Compartir Este Artigo

