Se teña ou non se teña un smartphone, todo o mundo sabe que os móbiles teñen o “feo costume” de ficar sen enerxía cando máis se precisa deles. A imaxe de alguén (nós, un amigo, un familiar) dando voltas á procura dun enchufe é xa un clásico das comidas. E tamén a dun comensal laiándose de non ter traído cargador. As cousas aínda se complican máis cos trebellos conectados aos datos ou ás redes Wi-Fi: remataron os tempos en que unha batería duraba días sen descargarse. Para pór un punto de solución a isto están a proliferar as aplicacións que axudan ao aforro. Dende algúns sitios especializados recomendan WiFi Saver, unha ferramenta de balde para Android que se dirixe a coidar a batería do móbil controlando a conectividade sen fíos, un dos elementos que máis contribúe ao estrago enerxético.
A aplicación, idónea para quen leve activa a tempo completo a conexión Wi-Fi no móbil (co obxectivo de seguir tirando partido de servizos de mensaxería como por exemplo Whatsapp e aforrar o que sexa posible no consumo mensual de datos), dispón dunha tecnoloxía que desactiva a conexión sen fíos do aparello cando este non está conectado a unha rede ou cando non temos conexión a Internet. Ademais, posibilita unha xestión completa da conectividade do aparello: diferentes modos de aforro (máis ou menos estritos), opción para activar a conexión Wi-Fi de maneira automática cando se desbloquea o terminal, temporizador para pór en marcha ou interromper a conexión sen fíos durante un tempo concreto, etc.
WiFi Saver achega marxe de manobra para aforrarmos batería en Android
Compartir Este Artigo

