A firma Randstand, consultora especializada en recursos humanos, vén de amosar os datos dunha investigación sobre como valoran os traballadores as novas tecnoloxías. Na investigación sinálase, entre outras cousas de interese, que a maior parte dos traballadores do ámbito estatal (o 84%) decantaríase polas formación e capacitación dixital se puidese volver cursar estudos. Ademais, tres de cada catro profesionais (o 73%) considera que a súa empresa debera destinar máis recursos e esforzos á materialización de ferramentas TIC. Esta porcentaxe do 73% de traballadores “pro-TIC” representa unha taxa superior en 13 puntos á media europea.
Ademais dos relacionados co dixital, os estudos chamados “STEM” (Science, Technology, Engineering & Mathematics), son os que amosan mellores agoiros profesionais para os anos vindeiros. No estudo exponse que o 63% dos profesionais máis novos (menores de 25 anos) optarían por enfocarse en STEM, unha porcentaxe que sobe ata o 73% no caso dos empregados de entre 25 e 35 anos, e que acada o 77% entre os maiores de 45 anos.
A investigación tamén se centra en avaliar a taxa de profesionais que cre que a súa firma ten arestora atrancos para atopar talento, “empregados acordes ás necesidades que demanda a súa compañía”. Así, a metade dos traballadores españois di que a súa empresa actualmente atopa problemas para cubrir as súas vacantes de emprego con profesionais idóneos para as mesmas.
O 73% dos traballadores españois cre que as empresas deben investir máis en TIC
Compartir Este Artigo

