Finalmente a Deputación de Pontevedra, a través da iniciativa CPAE 2.0 organizou na mañá deste mércores o seu networking sobre redes sociais e sobre as múltiples vantaxes que estas achegan para incrementarmos vendas, comunicación, mercados e produtividade. A cita, que ateigou o salón de plenos do pazo provincial (cheo ao cen por cen e con reserva completa 24 antes do seu comezo) contou coa presenza de Francesc Pumarola, digital manager de Hijos de Rivera. Previamente, foi inaugurada pola presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e polo deputado provincial Francisco Javier Dios.
O relatorio de Pumarola desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Como poden axudarme as redes sociais a comunicar mellor e vender máis. Segundo fixo saber, as redes sociais son un instrumento de traballo e tamén un ámbito de traballo en si mesmo. Avaliar o que se conta nelas “é a clave para poder mellorar e ir cara a arriba”, dixo. Co fin de acadar estes obxectivos e ampliar os límites e os horizontes da nosa empresa, cómpre que nos poñamos na pel dun usuario común de comunidades 2.0. “Pensar coma eles é fundamental á hora de publicar nas redes sociais”, sinalou. Asemade, recomendou facer un estudo previo das características propias de cada servizo: “Cómpre adaptar os nosos contidos á natureza específica de cada rede social”, engadiu.
Como dixemos, a xuntanza veu da man da iniciativa CPAE 2.0 (Deputación de Pontevedra), rede de centros atendidos por técnicos especializados en novas tecnoloxías da información e con sedes en Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e O Porriño. Segundo fixeron saber os responsables desta rede, ao longo do mes de xaneiro estanse a organizar vinte obradoiros sobre novas tecnoloxías, impartindo nos seus seis centros cursos sobre comercio electrónico, estratexias de mercadotecnia por correo electrónico, aplicacións da tecnoloxía dron para o sector vitivinícola e forestal, venda en liña sen intermediarios, posicionamento SEO, edición de fotografía ou Google Analytics, entre outras moitas cuestións de interese para autónomos, empresarios e emprendedores.
O networking con Francesc Pumarola ateigou o salón plenario da sede da Deputación de Pontevedra
Compartir Este Artigo

