A Universidade de Santiago e a empresa Balidea veñen de asinar un novo convenio que fornecerá ás institucións públicas dos recursos precisos para faceren auditorías no seu seo e “avanzar cara ao Goberno Aberto”, unha recomendación e unha esixencia (Lei de Transparencia 19/2013) para as entidades. A Metodoloxía de Xestión da Transparencia, que é o nome que abrangue os recursos desenvolvidos ao abeiro do acordo, vén da man da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento (Universidade de Santiago) e a empresa galega Balidea. Segundo fan saber, en breve irase integrando e poñendo en marcha en diversas institucións públicas.
“Grazas a este acordo”, sinalan os impulsores da iniciativa, “as institucións galegas teñen á súa disposición unha ferramenta ad-hoc para verificar non só que cumpren a Lei de Transparencia, senón tamén a recentemente aprobada Lei Galega de Transparencia e Bo Goberno (BOPG 28 Decembro 2015)”.
Un dos principais responsables do proxecto é o catedrático da USC Jesús Varela Mallou, experto en avaliación e medida, quen ideou un Modelo de Excelencia na Xestión da Transparencia formado por 214 indicadores clave que, co seu cumprimento, verifica que efectivamente o que temos diante (o obxecto do noso estudo) é unha institución pública (estatal, autonómica ou entidade local) comprometida co Goberno Aberto e participativo. Esta Metodoloxía, sinalan fontes de Balidea, “ademais de ser unha ferramenta para medir o grao de cumprimento da Lei de Transparencia, tamén é un importante recurso de xestión en canto permite, aos responsables públicos, identificar as áreas de mellora e boas prácticas que lle axudarán a definir as súas estratexias de mellora”.
Segundo engade a empresa galega, esta mesma semana está previsto o comezo das primeiras auditorías de transparencia “nun dos maiores Concellos de Galicia e nun organismo público da Administración autonómica”. Nos dous casos, a aplicación desta fórmula de traballo desenvolvida pola USC e Balidea realizarase “da mesma maneira”, achegando a todos os membros das entidades unha formación específica en temas relacionados coa Lei de Transparencia e a protección de datos. A continuación, entre os traballadores, nomearase un grupo de “autoavaliadores internos” e daráselles unha formación específica co fin de calibrar e estandarizar o manexo das escalas de avaliación que forman parte da Metodoloxía ideada no grupo de investigación PSICOM-USC.
A partir do devandito punto, comeza a terceira fase ou diagnóstico de acordo a un grupo de indicadores que responden os requirimentos e esixencias da Lei de Transparencia Activa (19/20139), así como a outros tópicos que van “alén do estritamente esixido na Lei” e que están contemplados na Metodoloxía da USC e que se refiren á Transparencia Pasiva, Colaborativa, Divulgativa e Participativa.
Realizado o “autoexame” ficará pendente a cuarta e última fase de comprobación e consenso na que, ademais dos recursos de análise interna, participa unha persoa experta e allea á institución cuxa principal misión é a de revisar as evidencias achegadas e, por tanto, “asegurar o nivel de compromiso desa institución co Goberno Aberto”. En canto remate o proceso, a USC emitirá un informe avalando o cumprimento da Lei de Transparencia por parte do organismo público auditado.
Segundo informa Balidea, “a principal característica desta Metodoloxía de Autoavaliación para a auditoría da transparencia en institucións públicas é que, ademais de proporcionar unha valoración numérica ou cuantitativa de 0 a 100 que permitirá establecer un ranking en función do nivel do compromiso coa Lei, tamén subministra información de natureza cualitativa acerca das boas prácticas e deficiencias ou incumprimentos; así como as accións de mellora ou medidas correctoras a tomar e, sobre todo, unha priorización coas recomendacións ou plans de acción a pór en marcha para garantir o cumprimento da Lei de Transparencia e, en xeral, progresar no Goberno Aberto e participativo”.
USC e Balidea desenvolven unha metodoloxía avanzada para garantir a transparencia nas institucións
Compartir Este Artigo

