Vodafone presentou esta semana unha investigación que en boa medida defende e reivindica os novos formatos laborais e as vantaxes de traballar a distancia e levar a oficina connosco: metodoloxías que apostan en boa medida por unha “non metodoloxía”. Segundo o estudo A Flexibilidade: amiga ou inimiga realizado por Vodafone, o 75% das empresas no mundo aposta xa por este tipo de políticas laborais (modificacións de horario, uso de avanzadas tecnoloxías para desenvolver o seu labor dende o fogar ou durante os desprazamentos), e en España esta porcentaxe elévase ao 81%.
No Estado, ademais, o 71% dos empregados entrevistados declara utilizar o seu propio dispositivo intelixente para traballar lonxe das “ataduras” da oficina ou sede laboral, fronte ao 38% no Reino Unido e o 27% en Alemaña. En España a taxa de empresas que aseguran discorrer por estes vieiros “é do 81%”, engade a operadora.
O estudo, feito sobre a base de 8.000 empregadores e empregados ao longo de 10 países en tres continentes, apunta a unha “importante mellora do rendemento” nas compañías que apostan por este tipo de metodoloxías. Así, sinala a operadora, o 61% das empresas enquisadas sinalou un incremento nos beneficios da súa compañía, o 83% asegurou ter mellorado a produtividade e o 58% certificou unha influencia moi positiva na reputación da organización. O estudo tamén concluíu que existen “marcadas diferenzas entre os grupos de idade no lugar de traballo”. Desta maneira, explícase, detectouse que “as novas xeracións están a adoptar tecnoloxías instintivamente, como por exemplo os servizos na nube, a mensaxería avanzada e a videoconferencia, que son cruciais para a flexibilidade laboral”.
Respecto dos porqués das boas cifras acadadas en España en materia de flexibilidade, a investigación da operadora apunta “á rápida adopción dos servizos de datos de alta velocidade para móbiles”, entre outras cousas, como por exemplo o espallamento integral de determinados servizos na nube.
Para rematar, a operadora lembra no informe o seu papel de “pioneira en servizos orientados a facilitar o traballo flexible”. Neste senso, a compañía recorda que un dos puntais deste papel de innovadora laboral é o fornecemento de navegación 4G á máxima velocidade, unha tecnoloxía que “axiliza os procesos operativos e permítenos estar sempre conectados”. Ademais, engade, “contamos cunha rede de fibra óptica que cobre máis de oito millóns de fogares en España”. A rede de Vodafone é a mellor en voz e datos en España, segundo o estudo independente realizado por P3 e pola revista Connect.
Vodafone reivindica o traballo flexible e salienta o papel impulsor de España
Compartir Este Artigo

