A firma viguesa Optare Solutions, responsable de cousas como a comunidade Natural Born Telco ou a plataforma de análise masivo de uso das telecomunicacións BDA4T, vén de dar comezo á que sería, segundo os impulsores da compañía, o desenvolvemento da tecnoloxía que dará alicerce ás novas telecomunicacións 5G da contorna europea. No proxecto para achegar unha base sólida a este novo chanzo da Sociedade da Información participan tamén compañías como Alcatel ou Telefónica. Optare é a única PEME galega e estatal que subministra a súa experiencia e capacidade de innovación no proxecto, chamado Sonata. A concorrencia de Optare materializouse grazas a ter gañado un concurso público específico convocado pola Unión Europea.
Segundo informa Optare, a nova tecnoloxía que se vai impulsar a través de Sonata mellorará, e moito, as posibilidades actuais da comunicación. Non só a que se establece entre as persoas, senón tamén a que existe xa (aínda que non a todos os niveis) entre persoas e obxectos, e entre obxectos e obxectos (o que se coñece como Internet das Cousas, polas súas siglas en inglés IoT). O consorcio internacional que impulsa o proxecto Sonata desenvolverá o seu labor ao longo dos vindeiros catro anos. O reto é construír unha plataforma que sirva de lanzadeira de proba e experimentación para o espallamento da tecnoloxía 5G en toda Europa a partir do ano 2021. Neste desafío común, a firma galega será a encargada de construír un programa que sexa quen de realizar o cometido das actuais centrais telefónicas pero con tecnoloxía e posibilidades avanzadas e, sobre todo, achegando elementos clave de eficiencia e rendibilidade. Dito doutra maneira: trataríase de minimizar as infraestruturas propias das centrais telefónicas e pór en xogo, a todos os niveis, meirandes ingredientes de virtualidade. O reto é reducir o tamaño dos equipos, os custes e o traballo despregado por todos os traballadores implicados, ao tempo que se gaña en operatividade, funcionalidade e posibilidades de conexión.
Optare apuntalará nun proxecto europeo a chegada masiva da tecnoloxía 5G
Compartir Este Artigo
