Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática, vén de dar a coñecer as liñas de actuación do seu proxecto smart conxunto con Santiago, Madrid e Zaragoza, a Plataforma de Goberno Aberto Colaborativa e Interoperable da que falamos estes días con motivo da súa elección para a II Convocatoria de Cidades Intelixentes promovida polo Ministerio de Industria (a través de Red.es). Segundo lembrou, o proxecto recibirá un financiamento de máis de dous millóns de euros e tentará “colocar á cidadanía no centro, e darlle ferramentas e voz en áreas como a participación e a transparencia, ademais de acceso a datos”. Nas súas palabras, “trátase dunha moi nova para a cidade”.
A iniciativa, dixo, enfócase en tres ámbitos prioritarios, como son os datos abertos, a participación e a transparencia. E explicou sobre o primeiro dos ámbitos: “Traballaremos en desenvolver infraestruturas tecnolóxicas que faciliten a visualización de datos, xa que cómpre que a cidadanía e a sociedade civil poidan facer uso dos datos da administración pública e poidan reutilizar toda esta información”.
Respecto á participación, Delso anunciou que “a meta é ampliar e avanzar nas plataformas que xa están en uso, como a da Porta Aberta, no caso da Coruña, para que nun futuro vaia máis alá do proceso de Orzamentos Participativos ao que dá soporte na actualidade, e poida ser usada para iniciativas cidadás, procesos de lexislación colaborativa ou outro tipo de propostas”.
No relativo á transparencia, traballarase nun portal de datos abertos e con visualización comprensible para a cidadanía. Segundo explicou Delso, aos tres eidos de actuación cumpriría engadir una cuarto eixe transversal: a creación dun “ecosistema centrado na innovación, a eficiencia e o aforro, así coma no deseño e desenvolvemento de contidos, procesos e servizos de maneira colaborativa e interoperable entre concellos”.
Tamén fixo saber que os traballos entre os catro concellos comezaran en setembro “cunha primeira xuntanza de equipo”. O proxecto desenvolverase ao longo de tres anos e nel, Zaragoza actuará como cidade coordinadora.
Respecto da vinculación deste proxecto con Smart City Coruña, a concelleira dixo que en boa medida a iniciativa conxunta con Madrid, Zaragoza e Santiago contribúe a emendar o “escaso grao de execución orzamentaria” da iniciativa smart previa, herdada do anterior equipo de Goberno local. Segundo explicou, Smart City Coruña só tiña executado o 35% do seu programa en 2015. Porén, sinalou, o proxecto presente “reconduce o concepto de cidade intelixente para A Coruña”, pero desde “un punto de vista no que a cidadanía é central e a administración ponse ao servizo da cidadanía no que ten que ver con goberno aberto, a participación e a transparencia”.
O Concello da Coruña salienta o impulso do seu proxecto smart como “unha moi nova para a cidade”
Compartir Este Artigo

