O congreso GaliciaTIC, referente galego no intercambio de coñecemento e no debate arredor das novas tecnoloxías da información, está a coller corpo cara a celebración da súa 14 convocatoria. A cita será o 22 de setembro no o edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago. Desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Transformación dixital para unha competencia global. O gran obxectivo desta edición 2016 é, avaliar ata que punto a revolución tecnolóxica que estamos a vivir pode mudar para sempre a sociedade e, por conseguinte, o tecido empresarial. Entre as actividades previstas (amais de conferencias e mesas redondas participativas) hai unha iniciativa que é unha innovación en si mesma. Trátase das Start-Up Battles, presentacións de novos proxectos tecnolóxico-dixitais a desenvolver sobre un escenario a todas luces orixinal: un ring de boxeo.
Segundo informan os organizadores de GaliciaTIC, as Start-Up Battles son desafíos cara a cara mediante “combates dialécticos divertidos e informais”, sobre diversas temáticas e cuestións clave no ámbito do emprendemento TIC e levados a cabo entre dous duelistas con posicións enfrontadas. A idea é permitir que os asistentes se aproximen ao máximo ás diferentes temáticas tratadas, facilitando que tiren as súas propias conclusións ao serlles achegados dous puntos de vista diferentes e poñendo en xogo, desta maneira, un duplo ingrediente enriquecedor.
Amais de no programa, tamén hai novidades recentes relativas á preparación de GaliciaTIC no que se refire á listaxe de apoios. Se hai uns días confirmabamos dende Código Cero a participación como patrocinadores de Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle e Televés, nas xornadas pasadas sumáronse os apoios de GoEmprende (Rede Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).
Lembrar por último que GaliciaTIC acollerá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais. A inauguración do evento correrá a cargo (ás 9.30 horas do 22) de Mar Pereira, directora de AMTEGA.
GaliciaTIC 2016 acollerá desafíos innovadores sobre un ring de boxeo
Compartir Este Artigo

