O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, anunciou tras o Consello da Xunta, que xa está a disposición dos cidadáns a plataforma É-Saúde, unha ferramenta tecnolóxica que busca personalizar os servizos de cada paciente, aos que poida acceder desde calquera dispositivo, de xeito que cada usuario do SERGAS xa pode identificarse e acceder a servizos e contidos personalizados. Tamén poden acceder cidadáns sans que teñan interese na promoción da súa saúde e na prevención de enfermidades.
A través de É-Saúde calquera cidadán galego, previamente identificado, cun máximo nivel de seguridade, poderá acceder á súa historia clínica, revisar a folla de tratamentos, imprimir os seus informes de alta, probas radiolóxicas ou de analíticas, a súa axenda de citas, etc.
Ademais, de forma máis aberta, sen necesidade de identificación previa, os usuarios que o desexen poderán entrar na Plataforma e atopar páxinas web relacionadas cun determinado problema de saúde; fichas informativas; asociacións de pacientes; foros e chats de comunidades; toda a oferta formativa da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, vídeos sobre campañas sanitarias, etc.
Este proxecto englóbase dentro das iniciativas europeas Hospital 2050 e Innova Saúde e está relacionado co Fogar Dixital.
Vídeo promocional de É-Saúde
Vídeo no que explican o funcionamento da plataforma É-Saúde
Un decreto mellorará a atención ao cidadán a través das TIC
Na rolda de prensa do Consello da Xunta Núñez Feijoo tamén destacou a aprobación dun novo decreto para garantir unha maior e mellor atención cidadá no sector público, centrado no emprego das TIC e nas persoas con discapacidade. O presidente da Xunta precisou que o texto recolle polo miúdo como debe ser a atención á cidadanía, os instrumentos de difusión da información e o procedemento para a presentación e tramitación das suxestións e queixas. “En definitiva, estamos a falar dunha nova norma que inclúe unha serie de obrigas novas para a Administración pública en beneficio dos dereitos dos cidadáns”, dixo, incidindo en que o documento inclúe entre as súas obrigas facilitar toda a axuda e orientación que a cidadanía precise nas actuacións que desexe realizar coa Administración e en especial coas persoas con discapacidade.
Por outro banda, o decreto unifica ademais o sistema de recepción de suxestións e queixas, establecendo como novidade a obriga de que calquera empresa que traballe en algún momento para a administración pública teña tamén un sistema para recoller as queixas por parte de calquera cidadán.
“E co obxectivo de favorecer a accesibilidade á Administración, especialmente ás persoas con discapacidade visual, o texto incorpora como novidade a posibilidade de presentar suxestións e queixas a través do telefono 012, tendo a mesma consideración e tratamento que as presentadas polas demais modalidades”, aseverou o responsable do Goberno galego, ao que engadiu que ademais se garante a permanencia do servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas a través da súa previsión regulamentaria, así como o dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada.
No que respecta á transparencia na xestión de suxestións e queixas, a norma establece que anualmente se publicará no Portal de Transparencia e Goberno Aberto un informe sobre as suxestións e queixas tramitadas pola Administración, a efectos de garantir o seu coñecemento. E o Valedor do Pobo recibirao con carácter semestral.
Outra das claves do novo decreto é o pulo do emprego dos medios electrónicos en relación coa atención á cidadanía, incorporándose por primeira vez á sede electrónica as solicitudes de información e a formulación de suxestións e queixas. Deste xeito, a cidadanía pode exercer en condicións totalmente seguras, o seu dereito de acceso á información e a formulación de suxestións e queixas as 24 horas dos 365 días do ano.

