O enxeñeiro informático Jorge Fernández vén de desenvolver, para a súa tese de doutoramento presentada no Campus de Ourense, unha investigación para a mellora das plataformas de filtrado existentes. O seu traballo diríxese en boa medida a botarnos unha man, tanto a nós os usuarios de a pé como ás compañías responsables das ferramentas TIC de procura, no camiño de chegar a datos de valor, ceibes das páxinas de contido lixo que adoitan interpoñerse nas listaxes de resultados finais. Para a súa tese, Fernández desenvolveu WSF2, unha plataforma que cualifica de “potente e flexible” e que é quen de filtrar as chamadas web spam para “mellorar os sistemas existentes”.
A tese, titulada Intelligent System for Web Spam Detection, estivo dirixida por Reyes Pavón e Rosalía Laza, e foi elaborada no Grupo de Investigación Sing da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense durante catro anos. A investigación, como dixemos, centrouse no chamado web spam, o intento artificial de manipulación dunha páxina web co fin de enganar aos motores de busca e así conseguir emprazarse no máis alto das listaxes de resultados que se proporcionan ao usuario. Segundo explica Jorge Fernández (doutor pola Universidade de Vigo) os investigadores actuais encaran o reto da Rede lixo “como o meirande desafío actual nas buscas web, xa que os motores ven seriamente afectadas as súas operacións por mor deste tipo de páxinas”. O investigador tamén engade que hai estudos recentes que apuntan a que a cantidade de lixo na Internet está a incrementarse “de xeito drástico”, como evidencia o feito de que Google sexa quen de detectar, a día de hoxe, arredor de 9.500 novas web spam cada día, que afectan de 12 a 14 millóns de consultas diarias
Tendo isto como alicerce, na súa tese de doutoramento, Jorge Fernández desenvolveu “un modelo híbrido de intelixencia artificial destinado a solventar o problema da localización e filtrado de dominios web que ofrecen contido ilícito”. O modelo proposto, denominado WSF2, integra e aplica un sistema baseado en regras, que vai a ser o encargado de xestionar e executar os distintos algoritmos de clasificación incorporados ao sistema. Segundo explica o investigador, “este conxunto de regras constitúen a base de coñecemento, que será utilizada polo modelo deseñado á hora de determinar a lexitimidade dun dominio web”. A maiores, o modelo incorpora un módulo de aprendizaxe “capaz de axustar automaticamente os parámetros de configuración, permitindo desta maneira manter o rendemento de filtrado ao longo do tempo”. Para este fin, o modelo foi desenvolvido botando man dunha metodoloxía IBR, “de razoamento baseado en instancias”.
Desenvolven no Campus de Ourense unha plataforma contra as páxinas lixo que se coan nos buscadores
Compartir Este Artigo

