A Central Agropecuaria de Galicia, lonxa do sector gandeiro emprazada en Silleda (e a única do ámbito estatal que acubilla poxas de gando bovino informatizadas), vai recibir un importante pulo para, entre outras cousas, seguir adiante co seu cometido innovador no tecido produtivo rural e, tamén, co seu papel de referente tecnolóxico. Así o deu a coñecer o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, quen asinou este xoves, coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, un convenio de colaboración para a adecuación e modernización do sistema informático da Central Agropecuaria de Galicia.
O acordo formalizado ten unha dotación orzamentaria de 60.000 euros e abrangue a renovación dos actuais equipos informáticos, incluíndo a súa instalación e posta en marcha no Recinto Feiral da Fundación Semana Verde de Galicia. Segundo fixeron saber, levarase a cabo tamén a actualización e modernización do equipo informático, renovando o programa Logic Control, así como adecuación e optimización do módulo específico co que se realizan as poxas de gando. Este proceso, engadiron suporía a reprogramación do sistema en base de datos Microsoft SQL e Entorno.Net. A maiores, tamén se acometerá a modernización do actual proceso de poxa de gando.
Pulo de modernización informática á Central Agropecuaria de Galicia
Compartir Este Artigo

