O instituto galego ITMATI e a rede Math-in organizarán a vindeira semana en Santiago (Facultade de Matemáticas) un evento sobre o potencial do cómputo avanzado, o Big Data (información inxente), o modelado e as matemáticas para resolver problemas cotiáns do día a día das nosas empresas. Trátase da European Study Group with Industry (ESGI), unha iniciativa que leva realizándose en cidades europeas desde 1968 e que consiste, basicamente, en achegar un grupo de investigadores a disposición dun grupo concreto de empresas para que estas propoñan e detallen desafíos diarios da súa actividade normal no mercado e aqueles tenten resolvelos mediante as devanditas técnicas.
A cita, que chega á súa 122 edición, centrarase para esta convocatoria compostelá en fornecer ofrecer solucións baseadas en modelado, estatística e Big Data a tres corporacións españolas e a un centro de investigación noruegués. O encontro arrinca o luns 19 de setembro en Santiago e durará ata o día 23.
Segundo explican dende o ITMATI, os agoiros en materia de resolución de retos non poden ser mellores, xa que a totalidade das industriais que participaron previamente noutras edicións de evento foron quen de ver como as súas propostas chegaban a bo porto e eran o xermolo de éxitos futuros. “Estes bos resultados”, sinala Peregrina Quintela, presidenta da Rede Española Matemática-Industria (Math-in) e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), “débense se cadra ao feito de que se trata dun evento de excelencia, pois baixo as siglas ESGI só poden celebrarse encontros que acrediten un equipo investigador de alto nivel como o que contamos, formado por científicos de dentro e fóra de ITMATI”.
Unha das empresas participantes na actividade será a galega Ecomanagement (EcoMT), firma do sector TIC centrada en solucións para a xestión remota de instalacións de climatización e iluminación (en 2010 desenvolveu unha tecnoloxía de telexestión autónoma, denominada OTEA, que está ao alcance de todas as PEME para que “poidan consumir menos e xestionar mellor as súas infraestruturas”). A súa incursión nas matemáticas está relacionada coa computación e valorización da gran cantidade de datos sobre o comportamento das máis de 2.100 instalacións que xestiona. Trátase, sinalan os seus responsables, dunha base de datos inxente e en continuo proceso de medre, e que relaciona os comportamentos das instalacións eléctricas de cada cliente coas diversas situacións externas e internas que aconteceron durante os anos que foron xestionadas con OTEA. “Queremos que esa gran cantidade de datos se transforme en información que sirva para que o noso sistema aprenda e xere respostas automáticas a situacións concretas; en definitiva, que se comporte como un oráculo, e no futuro, poida anticiparse ás necesidades de confort ou eficiencia, e tomar decisións”, engaden dende EcoMT a conto dos desafíos que agardan resolver no evento compostelán.
Outra das empresas que vai concorrer na actividade será a tamén galega iAuditoría, centrada no fornecemento de recursos intelixentes de seguridade laboral. Entre outras cousas, ofrece unha ferramenta baseada en modelos de predición estatísticos e de Big Data que, ademais de simplificar o labor das auditorías en empresas de toda índole, detecta os puntos febles do proceso industrial que poderían desencadear desastres.
Santiago acollerá un encontro de investigadores para resolver con Big Data problemas reais das nosas empresas
Compartir Este Artigo

