A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, asinaron hoxe un acordo de colaboración para o financiamento de proxectos de modernización tecnolóxica en lonxas galegas, a través do que as rulas que o soliciten poderán beneficiarse de melloras tecnolóxicas nas súas instalacións que permitirán unha xestión máis eficiente da actividade que desenvolven, sobre todo en materia de comercialización, trazabilidade e seguridade alimentaria e tamén en aspectos relacionados coa xestión económica.
Este acordo recolle accións concretas como a modernización da infraestrutura tecnolóxica das lonxas, melloras no sistema de capturas descargadas, a súa poxa e a emisión dos documentos precisos para a súa comercialización. Ademais, tamén contempla a posta en marcha de iniciativas que faciliten as xestións da actividade propia da lonxa, como pode ser actividade contable, entre outros aspectos.
A directora de AMTEGA sinalou que esta actuación permitirá abordar a modernización das lonxas para facilitar o traballo diario que se desenvolve nelas a través de dúas liñas de actuación. Por unha banda, melloraranse tanto as infraestruturas como o equipamento tecnolóxico das lonxas e, por outra, porase á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará o sistema de pesada e de clasificación e poxa, informatizando a xestión dunha información que ata agora se realizaba de xeito manual, o que redundará nunha axilización destes procedementos e posibilitará as poxas en liña, o que axudará a mellorar a comercialización. Mar Pereira enmarcou esta medida no Proxecto Primare, a estratexia para impulsar o desenvolvemento dos sectores primarios galegos a través das TIC.
O acordo estará vixente ata o momento no que finalice a execución dos contratos previstos, sendo o prazo máximo ata o 30 de novembro de 2019. Non obstante, antes da finalización deste prazo, as partes poderán formalizar unha addenda ao acordo na que se poderá fixar unha prórroga.
As lonxas galegas poderán gozar de tecnoloxía para efectuar poxas en liña
Compartir Este Artigo

