O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de incluír o sistema de comercio electrónico Prestashop no seu catálogo de aplicacións libres a disposición das nosas empresas e profesionais para a posta en marcha de establecementos de venda en liña. A nova achega estará ao alcance da man dos interesados a partir deste martes 20. Segundo informan fontes do CDTIC, Prestashop é unha ferramenta de fonte aberta e de libre distribución, moi acaída para o mantemento e xestión de tendas na Rede. A día de hoxe, fornece alicerce a arredor de 250.000 establecementos dixitais.
Ademais, sinala o Centro, a plataforma “salienta pola súa simplicidade e aplicabilidade tanto para grandes establecementos como para empresas de reducida dimensión”. Segundo engade o CDTIC, Prestashop será a quinta das aplicacións para probarmos na nube que ofrece o CDTIC Virtual ás empresas usuarias do Centro. As outras catro son CiviCRM, Odoo, Owncloud e Xeshostal.
Para dar a coñecer este servizo e mostrar a súa utilidade, o CDTIC celebrará o 22 de setembro unha sesión demostradora baixo o título Proba a túa tenda en internet xa con Prestashop na nube do CDTIC. A sesión levarase a cabo na sede do Centro, en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Con esta actividade, informan fontes do mesmo, “preténdese que as persoas participantes adquiran os coñecementos máis elementais para pór en marcha a súa tenda en liña a través de Prestashop”. Con este obxectivo amosaranse e debullaranse aspectos importantes relacionados con esta ferramenta como conceptos básicos, instalación, características, módulos, vantaxes e prestacións etc. Ademais, exporanse casos de éxito, referenciais, desenvolvidos con esta aplicación.
Os contidos da xornada virán da man da firma galega Hacce Soluciones TIC.
O CDTIC Virtual suma Prestashop á súa oferta de aplicacións libres
Compartir Este Artigo

