
Como lembraremos, StartPEME foi posto en marcha oficialmente o pasado mes de xuño, aínda que a súa actividade foise deixando notar, xa, dende comezos do ano. Nos seus primeiros tres meses “oficiais” de actividade, xa foi quen de atender a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia de Pontevedra: realizáronse e resolvéronse 301 asesoramentos de 211 empresas e, ademais, desenvolvéronse 58 eventos de capacitación TIC aos cales asistiron 439 persoas.
O proxecto SmartPEME, en palabras da Deputación, é “un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e abrangue novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Todo a través dun uso intensivo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).
SmartPEME conta con oficinas de seu no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo. Ao longo desta tempada, esta rede está a acoller itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Vigo acolle esta semana presentación de SmartPEME
Compartir Este Artigo

