Este mércores 21 o Edificio CINC da Cidade da Cultura acolle un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dun encontro divulgativo abeirado á campaña de difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro, que abordará a ciberseguridade coa participación de expertos na materia, desenvolverase de 09.45 a 14.00 horas. A organización do faladoiro prevé a asistencia dunhas 60 persoas interesadas en metodoloxías para protexer a información e a comunicación e en todos os roles laborais que se están a xerar arredor destes cometidos.
Respecto do programa, despois da benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ás 10.15 horas, intervirá Susana de la Fuente, coordinadora de Xestión do Talento do Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE). Tras un breve descanso, ás 11.30 horas abordaranse boas prácticas en ciberseguridade, cos casos de Adolfo Domínguez e a adega Pepe&Lola como exemplos. Por parte da empresa téxtil falará Pablo Aranda, responsable de Microinformática de Adolfo Domínguez, e en representación da adega intervirá Carlos Rodríguez, responsable de Proxectos TI. Ás 12.30 horas celebrarase un debate entre todos os relatores, aberto tamén á participación das persoas asistentes.
A actividade insírese na campaña 1 mes, 1 profesión dixital, que está a desenvolver a segunda edición durante o presente ano abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral, sinalan o CPEIG e AMTEGA, “é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego”.
A seguridade en liña, liña temática do faladoiro dixital deste mércores
Compartir Este Artigo

