O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai acoller os días vindeiros un interesante evento sobre recursos para impulsar a capacidade cognitiva e de auto-desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial. Trátase do Workshop Machine Learning en Galicia 2016, un obradoiro de traballo cuxo obxectivo é amosar os proxectos e resultados do emprego das ditas tecnoloxías ML nas universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas de Galicia. Os traballos a visualizar centraranse tanto no uso como no desenvolvemento específico de novos algoritmos. Os participantes tamén tentarán expoñer as potencialidades destas tecnoloxías para os sectores referenciais da nosa terra. A cita é o 27 de outubro, en horario de 10.00 a 18.00 horas.
Segundo lembra o CESGA acerca da importancia futura da temática a tratar no obradoiro, as tecnoloxías asociadas á aprendizaxe das máquinas (ou Machine Learning -ML-) utilízanse cada vez máis en investigación, xeración de servizos da Sociedade da Información (coma en servizos de recomendación, clasificadores, etc.) ou na xestión dos sistemas de produción (detección de anomalías, predición de fallos, sistemas de control, etc.). Ademais, engade o centro galego, a dispoñibilidade de contornas de computación cada vez máis potentes ou a mellora nos algoritmos, entre outros avances innovadores (por exemplo o acceso a máis datos e con menor custe), transformaron estas tecnoloxías en “referentes en calquera eido do coñecemento”.
O comité científico do obradoiro está integrado por Ricardo Cao (CITIC-UDC), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – Uvigo), David Mera Pérez (CITIUS-USC) e Andrés Gómez Tato (CESGA). O comité organizador está formado por Andrés Gómez (CESGA), Juan Touriño (UDC), Fernando Bouzas (CESGA), Raquel García (CESGA), Javier Cacheiro López (CESGA) e José Carlos Mouriño (CESGA).
Contarase coa colaboración da Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC.
A puxante innovación galega arredor da aprendizaxe dos sistemas, ao detalle no CESGA
Compartir Este Artigo

