Finalmente comezou este venres en Pontevedra a edición 2016 (a terceira) da iniciativa Pont-Up Store, un espazo innovador de emprendemento con carpa de seu (na Praza de España) e que vén da man da Universidade de Vigo (Vicerreitoría do Campus de Pontevedra ao abeiro do proxecto CREA S2i) e do Concello. O evento, que se desenvolve entre hoxe e mañá sábado, permitirá a un total de 36 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria dar a coñecer os seus produtos e servizos á cidadanía (na devandita carpa). Entre as áreas representadas por estes proxectos atópanse o deseño, a artesanía, os recursos educativos, as ferramentas informáticas ou as novas tecnoloxías. Amais de presentacións de ideas a cargo das ditas 36 novas firmas haberá unha longa listaxe de actividades de divulgación, colaboración, participación e dinamización. Son preto de 30 accións, tal e como se pode comprobar (con horarios e indicacións) na páxina web da feira, pontupstore.com.
Segundo informa a organización, en total (sumando os participantes que na tarde deste venres darán a coñecer as súas ideas de negocio a representantes do sector empresarial no Puntazo Express), son 45 as empresas participantes no Pont-Up Store. Na inauguración, celebrada esta mañá, participaron (entre outros) o director do evento, Pedro Figueroa, o reitor, Salustiano Mato, o vicerreitor do Campus, Juan Manuel Corbacho, e o presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa; así como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a secretaria xeral de emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, a directora territorial de Abanca en Pontevedra, María del Carmen Fernández, o xerente de IGAPE Nova, Guillermo Viña, e a presidenta de AJE-Pontevedra, Lucía Pedroso.
Segundo lembra a Universidade, a terceira edición do Pont-Up Store botou a andar xa na xornada do día previo, o xoves, cun amplo programa de actividades inaugurado á primeira hora da mañá cun day breaker, unha sesión matinal de música, baile e mindfulness, ás portas de CCSS e da Comunicación. Esta facultade acolleu tamén un Fab Lab de impresión 3D e gravado laser, así como un debate sobre experiencias de economía social, nunha xornada previa, na que as actividades formativas se trasladaron tamén ata a Casa das Campás e as sedes de AJE-Pontevedra e da Deputación.
No día de hoxe, a actividade no propio recinto mestúrase igualmente cunha serie de coloquios sobre apoio público ao emprendemento, financiamento de empresas ou comercialización de servizos a través das redes sociais, así como coa presentación na Casa das Campás do proxecto da asociación Músicos ao Vivo e a celebración do Puntyazo Exprés na Casa da Luz.
Unha Xincana Bike dirixida á nenos e unha sesión de networking para participantes en anteriores edicións sumaranse ao programa na xornada do sábado, na que o Pont-Up celebrará a súa cerimonia de clausura coa entrega de premios aos mellores proxectos de emprendemento presentados na feira.
En marcha a terceira edición de Pont-Up Store
Compartir Este Artigo

