A sexta Xornada de Informática Xudicial celébrase mañá en Santiago (na sede de AFundación, de Abanca, no 19 da rúa do Vilar) da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e da axencia AMTEGA coa dirección técnica de Víctor Salgado (avogado TIC). O acto de inauguración, ás 9.30 horas, contará coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Estará acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e máis polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. Pola actividade pasarán, achegando claves para acadarmos entre todos unha contorna dixital máis segura e fiable, algúns dos meirandes expertos estatais na materia.
Contarase coa presenza, como relatores, de David Barroso (fundador de CounterCraft, startup española que está a revolucionar o panorama da ciberseguridade, aplicando técnicas de contraespionaxe), Samuel Parra (avogado TIC e autor dun dos blogs máis referenciais no ámbito da protección de datos), Francisco García Morán (conselleiro xefe TIC da Comisión Europea, que explicará as políticas comunitarias a prol dunha maior ciberseguridade), Iñaki Vicuña (director do Centro de Documentación Xudicial, que exporá a achega das TIC á Administración de Xustiza) e Eloy Velasco (maxistrado da Audiencia Nacional, que falará sobre os medios de proba dixitais).
Esta VI edición da Xornada de Informática Xudicial desenvólvese baixo o epígrafe Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas e encamíñase a achegar un espazo de información e debate para xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral. A súa finalidade é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.
A sesión, logo do acto de apertura oficial, comezará cun primeiro relatorio de Samuel Parra, logo seguiralle Francisco García Morán para dar paso a Iñaki Vicuña. O programa matinal da xornada completarase cunha mesa redonda sobre privacidade, seguridade e xustiza, que será moderada por Víctor Salgado.
Xa polo serán intervirá David Barroso, que ten entre os seus clientes a empresas e gobernos de todo o mundo aos que asesora para definir e desenvolver campañas de contraintelixencia dixital. Entre outras, protexe os datos informáticos de empresas do IBEX.
E pechar a xornada Eloy Velasco intervirá como relator-moderador dunha mesa redonda sobre os medios de proba dixitais.
Programa
09.30 h.- Inauguración
10.00 h.- Relatorio de Samuel Parra, avogado TIC e autor dun dos blogs máis seguidos e premiados sobre protección de datos. Quo vadis, privacidade? Claves do novo Regulamento comunitario de Protección de Datos.
10.50 h. Relatorio de Francisco García Morán, conselleiro xefe TIC da CE. Política europea para a seguridade na Sociedade da Información.
12.10 h.- Relatorio de Iñaki Vicuña, director do Centro de Documentación Xudicial. As TICs na Administración de Xustiza: misión no-imposible.
13.00 h.- Mesa redonda: Privacidade, seguridade e xustiza, é posible o seu equilibrio no século XXI? moderada por Victor Salgado, avogado TIC e director técnico da VI Xornada de Informática Xudicial.
16.00 h.- Relatorio de David Barroso, fundador de CounterCraft, unha startup española que aplica técnicas de contraespionaxe e, entre outras, protexe os datos informáticos de empresas do IBEX. A ciberdelincuencia ante as ameazas informáticas e a deepweb.
17.00 h.- Mesa redonda: Os medios de proba dixitais, area entre os dedos?, na que será relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional.
Alfonso Rueda e Mar Pereira inaugurán a VI Xornada de Informática Xudicial
Compartir Este Artigo

