O Grupo Euskaltel e Telxius veñen de formalizar un acordo de colaboración que, entre outras cousas, permitiralle á primeira das compañías tirar proveito dos case 11.000 emprazamentos de telecomunicacións cos que conta Telxius en España. Ao fío desta alianza, Euskaltel xa asumiu un compromiso de utilizar un mínimo de 100 torres de Telxius. Segundo fixo saber a operadora vasca, propietaria da galega R, con este acordo será quen de incrementar “de maneira substancial” os potenciais emprazamentos cos que ampliar o alcance da súa propia rede móbil 4G, tanto en Euskadi como en Galicia. Ademais, poderá empregar estas infraestruturas “para telefonía móbil, solucións de acceso sen fíos en contornas rurais e servizos de acceso propios para empresas”.
O conselleiro delegado de Euskaltel, Francisco Arteche, sinalou que “este acordo vai máis aló dun acordo de emprazamento, e recolle unha alianza de vontade de colaboracións conxuntas, que nos reforza na nosa estratexia de creación de valor para a nosa sociedade, os nosos clientes e os nosos accionistas”. Pola súa banda, o conselleiro delegado de Telxius, Alberto Horcajo, sinalou que “o acordo constitúe un paso moi importante na consolidación, desenvolvemento e optimización das nosas capacidades de servizo no negocio de torres e esperamos, ademais, atopar novas oportunidades que nos permitirán seguir potenciando o noso liderado como empresa de infraestruturas”.
Sobre Telxius
Telxius, creada en 2016, a nova compañía global de infraestruturas de telecomunicacións do Grupo Telefónica, ten o obxectivo de capturar o incremento exponencial do tráfico de datos previsto para os vindeiros anos. Cun total de case 16.000 torres de telecomunicacións en cinco países, Telxius Telecom conta cun dos catálogos de torres máis extenso do mercado de entre as compañías independentes deste tipo de infraestruturas. Ademais, xestiona unha rede de 65.000 quilómetros de fibra óptica submarina que conectan Europa e América, dos que máis de 31.000 quilómetros son en propiedade.
Euskaltel ampliará a súa rede de emprazamentos de telecomunicacións na nosa terra grazas ao seu acordo con Telxius
Compartir Este Artigo

