As instalacións en Lugo da Fundación CEL acollen hoxe novamente un importante evento á medida do noso emprendemento innovador: o Startup Day zona norte, en palabras da dita entidade “unha das citas ineludibles para os participantes no programa de aceleración de empresas VíaGalicia”, un programa que, como recordaremos, vai xa pola súa cuarta edición. Esta mobilizará ata 2.375.000 euros en financiamento para emprendedores, entre préstamos participativos e financiamento a fondo perdido. A previsión é que se xunten arredor de oitenta persoas na actividade de hoxe, entre emprendedores, consultores, comité técnico e colaboradores.
O obxectivo: avaliar e dar forma aos máis de trinta proxectos que superaron a primeira fase de selección (de entrevistas). Durante toda esta xornada realizaranse diferentes actividades e dinámicas de grupo para avaliar habilidades dos candidatos da nosa sede. Teranse en conta cousas como a capacidade de liderado, o espírito innovador ou os recursos propios para impulsar negocios, emendar posibles atrancos ou resolver conflitos.
En palabras da Fundación CEL, “trátase dunha oportunidade única para todos os emprendedores seleccionados, posto que ademais de entrar no proceso de avaliación de face a pasar a unha nova etapa de ViaGalicia (a academia), van madurando e mellorando os seus proxectos a través das diferentes actividades programadas, que contan coa dirección de consultores e persoal especializado en emprendemento”.
Este venres celébrase o Startup Day Lugo 2016
Compartir Este Artigo

